Aumento do IVE até o 21%

Así aplica Catalunya o imposto aos refrescos que quere aprobar o Executivo español

Refresco (Imaxe: Nós Diario).

O Goberno de Pedro Sánchez anunciou esta quinta feira que ten previsto aprobar unha suba do Imposto do Valor Engadido (IVE) ao 21% para as bebidas azucradas e as edulcoradas, como é o caso dos famosos refrescos.

O plan orzamentario que o Ministerio de Facenda remitiu onte a Bruxelas recolle a suba do IVE para as bebidas azucradas e edulcoradas. De saíren adiante os orzamentos, aos refrescos pasaríaselles de aplicar o tipo reducido do 10%, dos alimentos que non son de primeira necesidade, ao tipo xeral do 21%.

Este incremento penaliza fiscalmente o consumo de produtos considerados non saudábeis, segundo o Goberno estatal, e ten como obxectivo loitar contra a obesidade infantil.

Hai un ano, un grupo de expertas e expertos publicou un estudo na revista científica The Lancet que recomendaba gravar as bebidas ou alimentos con alto contido en azucre. Sinalaban a necesidade de rebaixalo por causar obesidade, enfermidades cardiovasculares e problemas dentais.

Mais non é a primeira vez que se pon sobre a mesa un aumento do IVE nos refrescos. O ministro do PP Cristóbal Montoro tratou de estabelecer, sen éxito, un imposto destas características para ingresar 200 millóns de euros. Nunca chegou a prosperar pola presión do sector da remolacha de Castela e León.

Catalunya, pioneira

A medida que recolle o Goberno de Pedro Sánchez non é nova. Xa se aplica en Catalunya desde hai tres anos. Foi entón cando a Generalitat impuxo 8 céntimos extra por libro para as bebidas que contivesen entre cinco e oito gramos de azucre por cada 100 mililitros. Para as que o superasen, o gravame subía até os 12 céntimos. Unha medida que acabou nos tribunais polas reclamacións do sector.

A última sentenza contraria á medida catalá non é firme, polo que a Generalitat continúa ingresando o diñeiro do gravame. Así, en 2017 conseguiu recadar 22,67 millóns de euros. Cantidade que en 2018 elevou até os 41 millóns. No último exercicio reduciuse até os 34,74 millóns.

A medida forma parte dun novo paquete de actuacións fiscais para ingresar 6.847 millóns de euros máis en 2021 e 2.323 millóns en 2022, segundo expón o Ministerio de Facenda.

Permiso de paternidade e Ingreso Mínimo Vital

O Plan orzamentario tamén recolle o aumento gradual do permiso de paternidade, que aumenta de 12 a 16 semanas, o que permite a equiparación cos permisos de maternidade. Un “avance máis cara á igualdade real”, salienta o Executivo español nun comunicado de prensa.

O impacto do Ingreso Mínimo Vital tamén se incorpora no documento, que pon de manifesto que o déficit se recortará en 3,6 puntos o próximo ano até situarse no 7,7% do Produto Interior Bruto (PIB).