Mobilización para frear o "atentado patrimonial" ao mosteiro de San Pedro de Rocas

Imaxe da mobilización deste domingo

A ampliación dunha estrada pola Deputación de Ourense ameaza patrimonio e paisaxe dunha zona única, denuncian os detractores. Este domingo hai unha mobilización para parar unha obra que tamén ten unha fronte aberta nos xulgados.

Sobre San Pedro de Rocas, en Esgos, na Ribeira Sacra, hai nove figuras diferentes de protección. Un número que permite facerse unha idea da importancia deste enclave, non só a nivel patrimonial senón tamén desde o punto de vista histórico ou paisaxístico.

A ampliación dun tramo da estrada OU-509 en Esgos, que leva ao Mosteiro, e impacta de cheo na contorna do mosteiro prendeu as luces de alarma. Este domingo, unha concentración convocada baixo o lema ‘S.O.S Salvemos Rocas’ pedía que non se executase unha obra cuxo inicio é máis que inminente: esta segunda feira.

Desde ‘Ribeira sacra denuncia’ poñen o dedo sobre o que supón anchear o tramo que leva ao mosteiro e cuxa única finalidade sería permitir o acceso ao mesmo de grandes vehículos de transporte para alimentar o fluxo turístico: “Máis de 100 árbores, moitas delas centenarias, unha paisaxe cultural integralmente protexida, muros antigos orixinais do mosteiro que o delimitaban, muros históricos dos camiños e vía que unía San Pedro de Rocas con Santo Estevo de Ribas de Sil, chan xeolóxico que pode conter todo tipo de elementos rupestres, chan arqueolóxico ocupado desde o Neolítico que albergará todo tipo de materiais das súas diferentes épocas, cruceiro BIC”.

 

E a listaxe segue: “Topografía orixinal do camiño, trazado orixinal das vías, arqueta hidrográfica histórica e todo un conxunto de valores materiais e inmateriais de carácter ambiental, natural, paisaxístico, arqueolóxico, histórico, xeolóxico, social e cultural, insubstituíbeis”.

E a isto engaden todo o relacionado co “futuro impacto dunha obra con “formigón, cemento, chapatote, muros de contención, barreiras, sinalética, impacto visual e a contaminación que o aumento de tráfico vai supoñer nun espazo sacro que se caracteriza pola súa beleza natural e silencio”.

Denuncia

Ademais, a Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas denunciou o presidente da Deputación de Ourense e tenente de alcalde de Esgos, José M. Baltar, por seguir con este proxecto de “mellora e acondicionamento” do tramo de estrada por “falsidade documental” e “omitir” informes de Patrimonio contrarios a esta actuación.