Aseos e despachos: zonas de illamento para maiores sospeitosas de ter Covid en centros de día do Consorcio

Imaxe do aseo remitida pola CIG.

Denúnciao a CIG, que xa puco as feitos en coñecemento de Inspección

Un aseo de diminutas dimensións é o lugar escollido polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de illamento para as persoas maiores dependentes do centro de día de Dodro, no caso de seren sospeitosas de padecer Covid19.

É a denuncia que se fai desde a CIG-Autonómica, que fala de "falta de humanidade e o trato indigno e humillante que se lle vai dar neste centro os usuarios e usuarias que se atopen nesa situación”.

Iso sen contar, engade Cristina Terrón, do sindicato nacionalista, "coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada".

O mencionado aseo non dispón, afirma o sindicato, de ningunha clase de fiestra, ventilación nin aire acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción do centro.

“Nesa zona de illamento, segundo o protocolo, estará a persoa maior afectada e un membro da equipa, ataviado cun EPI”.

Denuncian que a situación do centro de día de Dodro non é un caso excepcional, "xa que no Centro de Día de Boiro tamén se optou por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar".

Sinala Terrón que noutros centros optaron por escoller como zona de illamento os despachos sanitarios ou de enfermaría.

Para a CIG-Autonómica esta actuación denota "unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir" polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.


 

Imprimir