A Asemblea de Investigadoras de Compostela denuncia as condicións da convocatoria de axudas da Xunta

O salario será uns 10.000 euros menos que na anterior convocatoria. (Foto: Europa Press)
A Asemblea de Investigadoras de Compostela ven de denunciar os "inadmisíbeis" cambios que sufriu a convocatoria de axudas a predoutorados e posdoutorados da Xunta  

O colectivo investigador galego pensa que o futuro do país neste ámbito será de “fuga de cerebros, retraso científico e precariedade laboral” se non se cambian as condicións das convocatorias predoutorais e posdoutorais que realiza a Xunta da Galiza. 

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) vén de denunciar as modificacións substanciais que sufriron as convocatorias que sairán publicadas no DOG nos próximos días e que consideran “inadmisíbeis”. 

Cun retraso de meses, que finalmente quedou en cancelación, a convocatoria de axudas á etapa de formación posdoutoral do ano 2020 “deixou no paro centos de investigadoras”. Sobre a de 2021 denuncian desde a asemblea que “non cobre o número de axudas equivalentes á suma das convocatorias do ano anterior mais deste, tal e como solicitamos ao Goberno”, “polo que a Xunta deixa o sector sen alternativas posdoutourais durante unha anualidade enteira e negouse a blindar o número de prazas e a duplicar o número de contratos para o este ano”.

Sendo a data límite de finalización dos estudos e de lectura de tese un dos requisitos para solicitar as axudas, ao non saír convocatoria en 2020 nin ampliar os límites de tempo nas axudas de 2021, “unha parte do colectivo investigador non tivo acceso a oportunidades o ano anterior e quedarán excluídos desta convocatoria”, explican desde AIC. 

As achegas posdoutorais de iniciación tamén veñen da man “dun notábel recorte de salario sendo este até 10.000 euros menos que na anterior convocatoria”, expón desde a asemblea.

O soldo base tería complementos salariais “só se o investigador ou a investigadora sae ao extranxeiro a completar o seu traballo”, mais tendo en conta a situación de pandemia “non parece claro que tales estadías poidan ser efectuadas, polo que a lectura que sacamos é que a Xunta condena o persoal que quede na Galiza para desenvolver o seu traballo, pero con máis precariedade e abandono”. 

Ademais de non deixar claros os métodos de ponderación dos expedientes e de recortar as posibilidades de dar docencia a 30 horas anuais –cando até o de agora o máximo voluntario eran 60 horas e xa existe un Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación que regula este punto)– a AIC tamén denuncia a falta de transparencia para saber quen formou parte das comisións de selección e dos criterios e métodos que se teñen en conta na avaliación.