A Asemblea de Áreas Sanitarias afirma que a folga en Atención Primaria ten máis seguimento que a anterior

Concentración de profesionais de Atención Primaria nun centro de saúde de Santiago (Europa Press).

A Asemblea de Áreas Sanitarias da Galiza apunta unha maior participación en todas as áreas agás na de Vigo, que rexistrou unha caída de “90% a 83%”. Canto á actividade nos centros de saúde, a Asemblea destaca a normalidade con que se atendeu as doentes durante a xornada de paro.

A Asemblea Galega de Áreas Sanitarias subliña "a atención normal" que se viviu nos centros de saúde durante a primeira xornada de folga á que estaban chamadas pediatras e médicas de familia de Atención Primaria.

O seguimento medra en todas as áreas sanitarias salvo na de Vigo.

Segundo Alberto García Pazos, voceiro da Asemblea na área sanitaria de Vigo, a participación medrou en todas as áreas a respecto do último paro convocado o pasado 19 de xuño salvo na de Vigo, matizou, onde diminuío o seguimento de "90% a 83%".

García Pazos incidiu en que esta é a terceira convocatoria que se fai na área e "nótase o desgaste dos médicos". Con todo, dixo, "rexistrou o seguimento máis alto" de todo o territorio.

Por detrás de Vigo, a folga rexistrou un apoio de 65% en Ferrol e Pontevedra; e de 50% en Ourense. Segundo a Asemblea Galega de Áreas Sanitarias, onde menos soporte recibiu o paro foi na Coruña, Santiago e Lugo, cunha participación de 47%, 45% e 33% respectivamente. Talvez, apunta Alberto García Pazos, “por mor da dispersión da poboación e a dificultade de comunicación das profesionais”.

Datos de Sanidade

Fronte a estes datos, a Consellaría de Sanidade rebaixa o seguimento da folga en todo o país e sinala que a participación das facultativas foi inferior á rexistrada no mes de xuño. Segundo as súas estimacións, 12,7% das profesionais de Atención Primaria secundaron a folga na quenda de mañá e 12,1% na de tarde.

28 de novembro, segunda xornada de folga

Esta quinta feira, 28 de novembro, está convocada unha nova xornada de paro. "Pídese algo que parece sinxelo pero que está resultando moi complicado: poder facer o traballo ben e atender aos pacientes co tempo suficiente", inciden desde a Asemblea Galega de Áreas Sanitarias.

Pídese algo moi sinxelo que resulta complicado: poder facer o traballo ben e atender aos pacientes co tempo suficiente.

Desde o colectivo valoran positivamente o "amplo seguimento da folga e de apoio á táboa reivindicativa", e engaden que "por moito que insista o xerente do Sergas, Fernández Campa, a realidade é que non houbo cambios nos centros de saúde nestes meses".

Reivindicacións

A lista de reivindicacións aprobadas para ir á folga son seis:

1. Xerencia de Atención Primaria.
2. Recuperar a estrutura de xestión de atención primaria en tres meses, e definir un tempo para atención ó paciente: limitación de 30 citas por día.
3. Estabilidade e non precariedade: oferta e convocatoria de "todas" as vacantes de "todas" as categorías mediante Oferta Pública de Emprego (OPE).
4. Cobertura de 100% das ausencias de "todas" as categorías.
5. Orzamento específico e propio de Atención Primaria até acadar 25%, a razón dun incremento mínimo anual de tres puntos porcentuais.
6. Atención homoxénea en todas as áreas sanitarias.