A Asemblea Antirracista mobilízase en contra do "colonialismo" español baixo o lema '12-O: Nada que celebrar'

Manifestación en Compostela en protesta polo Día da Hispanidade. (Foto: Nós Diario)
Centos de persoas asistiron á protesta esta cuarta feira en Santiago.

Ao berro de “A lei de estranxeiría mata xente cada día” e “Ningunha persoa é ilegal”, arrancou esta cuarta feira a manifestación antirracista e decolonial convocada pola Asemblea Antirracista Galega na cidade de  Santiago de Compostela, que contou coa participación de varios centos de persoas. Nesta mobilización, a asemblea protestou contra as celebracións do 'Día da Hispanidade' con pancartas que amosaban lemas como “12-0: Nada que celebrar”.

A manifestación botou a andar ás 12.30 horas desde a Alameda con estradas cortadas e a presenza da Policía local, que desde antes da hora de inicio xa se desprazara ao lugar. O final do percorrido deu paso á lectura dun manifesto.

Vicky Campoamor, encargada da intervención e membro da Asemblea, explica a Nós Diario que con esta protesta “queremos reivindicar que o 12 de outubro, o gran día do orgullo español, representa o comezo do maior xenocidio da historia da humanidade que acabou co 90% da poboación orixinaria de Abya Yala (América)”; con máis de 80 millóns de persoas exterminadas e polo menos 20 millóns escravizadas, como se recolle no manifesto. Lonxe de existir unha conciencia ao respecto, Campoamor critica que “nas escolas nunca se estuda nada do pasado e presente español colonizador”. De feito, ela mesma conta que empezou a coller conciencia a raíz de estar en organizacións activistas e de "deconstruírse" pouco a pouco.

Campoamor sostén que a mobilización nace da Asemblea Antirracista Galega, que funciona como lugar de “encontro das persoas migrantes racializadas que vivimos no territorio galego”, mais tamén conta co apoio doutros colectivos “que se foron engadindo ao longo destes meses”. Con esta protesta buscan “reconquistar este día e falar desde a nosa experiencia e a nosa perspectiva do que significa o 12 de outubro,  deixar que o pasado colonizador siga sendo presente”.

"Non houbo encontro entre culturas, senón xenocidio e colonización"

No propio manifesto, a asemblea fai un chamamento a renunciar aos festexos do día, pois “non houbo encontro entre culturas, senón xenocidio e colonización”. Campoamor engade ao respecto que o Goberno estatal debería levar a cabo “políticas de reparación realmente efectivas cos territorios que conquistaron e nos que a día de hoxe o imperio español continúa a facer extractivismo, tanto económico como de recursos” e exixe que “as empresas españolas deixen de consumir os recursos [do pobo americano] se fosen propios”.

O manifesto rematou coa afirmación de que “Europa non é o centro do mundo nin unha realidade universal”, senón o contrario, pois “o consumo capitalista”, xunto coas “políticas migratorias” e “intervencionistas” que levan a cabo, son as causantes da “crise climática, ecolóxica, social e humana que afrontamos actualmente”.

'Regularización Xa'

Na mobilización tamén se incidiu na campaña “Regularización xa”, que busca recoller 550.000 sinaturas para evitar a exclusión social e económica das persoas que se atopan nunha situación administrativa irregular. Para este fin, desde a asemblea exixen un cambio na “Lei de estranxeiría pois é tamén tremendamente colonial e racista”.

A xornada non rematou na lectura do manifesto. Durante toda a tarde, até ás 20 horas, leváronse a cabo diversas actividades organizadas pola Gentalha do Pichel como mesas redondas ou sesións de música e poesía.