Abortos

A aseguradora do Sergas recorre a sentenza do caso da paciente que enviou a Madrid a abortar e perdeu o útero

[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa, en Burela

A compañía de seguros Zurich vén de presentar un recurso contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo que condena o Sergas a aboar 273.139,82 euros a unha paciente que derivou a Madrid a abortar un feto inviábel na semana 32 de xestación. Paula (nome ficticio), cuxa vida correu un grave risco, sufriu a perda do útero.

Segundo puido saber Sermos Galiza, a aseguradora do Sergas, a compañía Zurich, recorreu a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo que condena a Consellaría de Sanidade a pagar 273.139,82 euros por arriscar a vida dunha paciente que derivou a Madrid a abortar.

O Sergas, no seu papel de cliente da compañía, puido presionar Zurich para non presentar recurso ningún contra o fallo

A avogada da afectada, Francisca Fernández Guillén, explica, en declaracións a Sermos Galiza, que a aseguradora considera excesiva a indemnización e pon de manifesto que a Consellaría de Sanidade, no seu papel de cliente da compañía, puido presionar Zurich para non presentar recurso ningún contra o fallo. “Imos opoñernos e defender a validez da sentenza”, afirma a letrada, que advirte de que o recurso foi presentado “in extremis”.

“Paréceme ridículo que a aseguradora queira pagar uns 100.000 euros malia o dano moral que padeceu esta muller de 32 anos, que sufriu a perda do útero, viu nacer viva a súa filla e sentiu o terror de verse morta”, salienta Francisca Fdez. Guillén. “O dano psicolóxico é moi acusado”, insiste. Neste sentido, expón que a aseguradora pretende que se aplique o baremo de tráfico, que contempla uns criterios de dano corporal. “É máis axustado a dereito que a indemnización se basee noutros casos semellantes, tal e como entendeu a súa señoría”, engade. Aliás, en caso de accidente, di a avogada, as aseguradoras ofrecen a indemnización e non existe un calvario procesual. Porén, no caso de Paula, non se facilitaron os trámites.

Francisca Fdez. Guillén lembra que a causa que provocou esta sentenza foi directa, “a actuación do Sergas provocou este resultado e de actuar correctamente non asistiriamos a este drama”. “Ocultóuselle á paciente de maneira reiterada o diagnóstico e iso é unha neglixencia moi grave que vai alén da obxección de conciencia”, conclúe a letrada.

Na sentenza, á que tivo acceso Sermos Galiza, o xuíz amósase contundente cando advirte de que “a neglixencia médica está pois en todas as partes”, desde no atraso á hora de autorizar o aborto ao feito de derivar a paciente a Madrid. “Inaceptábel obsérvese desde onde se observe”.

Os feitos

A prolongación innecesaria do embarazo de Paula ten relación co deficiente diagnóstico prenatal por parte do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital da Costa de Burela, un centro sobre o que pesan numerosas sospeitas a respeito da práctica dos abortos. De feito, o hospital ocultoulle a unha muller brasileira información sobre as graves malformacións que sufría o seu feto até o punto de que tivo o seu fillo e de que se viu nunhas dificultades gravísimas para o sacar adiante.

Non foi até a semana 32 cando o comité clínico aprobou a interrupción voluntaria do embarazo e, posteriormente, a paciente foi derivada á clínica madrileña Isadora. Dada a hemorraxia vaxinal que sufriu Paula, tivo que ser levada ao Hospital La Paz, onde se lle practicou unha histerectomía total. A nena, de sete meses e medio, naceu con vida, cun gravísimo problema mental e con discapacidade física e faleceu á hora e media de nacer.

Desde o hospital de Burela non se remitiu nin se lle facilitou á afectada a información necesaria para intervención que se lle ía practicar

En ningún dos hospitais madrileños coñecían os antecedentes do embarazo porque desde o hospital de Burela non se remitiu nin se lle facilitou á afectada a información necesaria para intervención que se lle ía practicar. De feito, a clínica Isadora tivo que chamar telefonicamente o Sergas e o citado hospital antes de resolver o traslado da muller a La Paz.