Soben a 70 os contaxios polo surto relacionado con viaxes de fin de curso a Mallorca

Proba de antíxenos. (Foto: Javier Pulpo / Europa Press).
Sanidade avanza no control e seguimento dos casos declarados mentres desde Educación, o conselleiro Román Rodríguez chama a evitar situacións de risco. Este foco de coronavirus debe "servir de aviso para manter a precaución e a responsabilidade".

Os contaxios de coronavirus relacionados coas viaxes de fin de curso a Mallorca na Galiza ascenden a 70, segundo informou este sábado a Consellería de Sanidade. En todo o Estado, hai máis de 600 casos diagnosticados en oito territorios: Madrid, Euskadi, Comunitat Valenciana, Catalunya, Murcia, Castela A Mancha e Aragón.

O departamento que dirixe Julio García Comesaña activou protocolos de probas, corentena e rastrexo que afectan ao alumnado de polo menos 11 centros educativos da Galiza en diferentes áreas sanitarias, os cales confirmaron viaxes ás Illes Balears dos seus estudantes. A Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou un protocolo, en coordinación coa Estratexia de Vacinación, no que se recollen as indicacións que deben seguir estes estudantes, en función da data na que viaxasen. 

Protocolos de seguimento

A Xunta tamén explicou que son as respectivas áreas sanitarias as que están a xestionar as citas para a realización de probas PCR ás persoas afectadas e que desde a Central de Seguimento de Contactos chamarán a todo o alumnado, para infomarlo dos pasos a a seguir e resolver posíbeis dúbidas.

Ademais, chama a extremar as precaucións cando "pais ou nais vaian recoller aos seus fillos ao aeroporto". A recomendación da Consellería de Sanidade é que vaia só unha persoa a recollelo e, no automóbil sempre con máscara e distancia.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou que "espera" que os surtos de Covid relacionados coas viaxes de fin de curso a Mallorca "sirvan de aviso para manter a precaución e a responsabilidade".

A preguntas dos medios de comunicación durante a súa visita a Meirás, o conselleiro explicou que os datos solicitados polo Executivo autonómico foron enviados ao Ministerio de Sanidade "para que os avalíe e tome as medidas necesarias". "Esperamos así que este abrocho non prexudique estes momentos de esperanza que temos co proceso de vacinación ou coa retirada da máscara en certos lugares", apuntou Román Rodríguez.

Evitar riscos innecesarios

"Se aprendemos del, este aviso pode servirnos para manter a precaución e a responsabilidade", advertiu o responsable de Educación, quen remarcou que a sociedade "está ao final do túnel, pero que aínda non se saíu del", polo que "cómpre evitar situacións de risco, como as ocorridas".

Referiuse, neste sentido, á viaxes organizadas para despedir o cursos escolar, algunhas polo propio alumnado nen mediación dos centros, dando lugar a surtos que, matizou, se orixinaron "fóra do período escolar".

O presidente da Xunta tamén se referiu ao impacto deste gromo, "proba de que o risco non diminuíu, senón que se incrementou", f¡grazas tamén á presenza e avance de variantes do virus máis contaxiosas como a Delta.

Neste sentido, remarcou, "un botellón con xente sen metro e medio de distancia e sen máscara é, sen dúbida, o acto de maior risco que podemos facer desde o punto de vista da saúde pública nestes momentos".