Ascenden a 439 as mortes rexistradas por coronavirus na Galiza

Traballadoras e traballadores da sanidade.
Nove mortes por coronavirus en centros hospitalarios e outra nunha residencia elevan a cifra de defuncións na Galiza a 439. Hai 1.507 altas, 3,5% máis que na sexta feira, e 6.147 contaxios activos no país, segundo os datos deste sábado 18 de abril.

Os falecementos rexistrados por coronavirus na Galiza até o de agora son 439, ao sumárense nove novos falecementos producidos nas últimas horas en centros hospitalarios e que non se recollían na cifra inicial comunicada na mañá deste sábado 18 de abril por Sanidade, que cifraba as mortes en 430, xa que os datos que fornece o Sergas baséanse nas cifras do día anterior. Esa cifra só computaba un novo falecemento, o acontecido onte na residencia de Santa Teresa de Jornet, na Coruña. Desta maneira, en 24 horas Galiza sofre 10 defuncións por coronavirus.

As nove persoas falecidas en hospitais son: unha muller de 89 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); un home de 65 anos e unha muller de 78, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); unha muller de 67 anos en Povisa, en Vigo; un home de 95 anos e outro de 86, así como dúas mulleres de 84 e 85, que estaba os catro no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e unha muller de 90 anos no Hospital de Verín, sen patoloxías previas.

Após a actualización de datos, o número de mortes rexistradas en hospitais elévase a 343: 103 na área sanitaria da Coruña, 68 na área de Vigo, 65 na área sanitaria de Ourense, 51 mortes na área sanitaria de Santiago, 21 na área de Ferrol, 22 na área de Lugo e 13 na área sanitaria de Pontevedra

Do total de pacientes positivos, que actualmente son 6.147, un total de 115 permanecen na Unidade de Curados Intensivos (UCI), 598 están en unidades de hospitalización e 5.434 no domicilio. Dos casos postivos, 1.012 son usuarias de residencias e 424 traballadoras e traballadores destes centros. 

Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.507 altas de pacientes, 3,5% máis que nos datos da sexta feira.

Sanidade tamén indica que o número de probas PCR realizadas na Galiza é de 60.258.

Residencias

Desde que empezou a pandemia, rexistráronse 96 falecementos por coronavirus en residencias. Morreron 20 maiores dentro do centro DomusVi de San Lázaro, santiago; 18 no  DomusVi de Cangas, 18 na residencia A nosa Señora da Esperanza, en Ourense; 10 na  DomusVi do Barreiro, en Vigo; e tres na residencia Moledo, tamén en Vigo. 7 mortes rexistráronse na residencia do Portádego, na Coruña, un no  Fogar Bellolar e na residencia de Castro Caldelas, 3 foron en Remanso Claudina-Somoza, na Coruña; 3 na  DomusVi  Matogrande da Coruña, un na Santa Teresa de Jornet , tamén na cidade da Coruña;  un na Zapateira de Culleredo, outra en San Carlos de Celanova, dúas mortes aconteceron na residencia Divino Mestre de Ourense, outras dúas na residencia San Pedro de Crecente, dúas na das Fragas de Pontedeume, unha na residencia de Bande, outra na de Foz e outra na nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras.

O Estado español supera as 20.000 mortes

O Estado español rexistrou un total de 20.043 mortes por coronavirus tras sumar 565 falecementos nas últimas 24 horas, segundo os datos publicados este sábado polo Ministerio de Sanidade.

Os positivos confirmados ascenden a un total de 191.726, o que supón 4.499 contaxiados máis con respecto ás cifras de onte.

Ademais, xa se curaron 74.662 persoas.

154.694 mortes no mundo

Segundo os datos publicados polo Centro de Ciencia e Enxeñaría de Sistemas da Universidade estadounidense Johns Hopkins, que monitorea as estatísticas a nivel internacional, no mundo rexistráronse 154,694 falecementos por coronavirus.

Nos Estados Unidos de América é onde maior número de contaxios positivos hai (702.164), seguidos a moita distancia, do Estado español (191.726) e de Italia (172.434) e Francia (149.130).