O asasino de Ana Enjamio irá á cadea 29 anos

O acusado de asasinar a Ana Enjamio nunha sesión do xuízo. (Foto: Europa Press)
A sentenza do Tribunal Supremo non deixa lugar a recurso por parte da defensa do acusado.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo condenou hoxe ao asasino da enxeñeira viguesa Ana Enjamio, o que fora a súa parella César Adrio Otero, a unha pena de 29 anos e catro meses de prisión por acosala e matala. 

Na sentenza, que non deixa posibilidade de recurso por parte da defensa do asasino, aclara que o acoso está penado con 20 meses na cadea. Outros tres anos e oito meses da pena son pola vulneración da intimidade desta vítima da violencia machista. Tívose en conta a agravante de parentesco.

Porén, o Supremo deixa sen efecto a agravante de discriminación por motivos de xénero apreciada no delito de asasinato, con aleivosía e ensañamento, que tamén se confirmou e polo que condena a César Adrio a 24 anos de prisión.

No relato dos feitos que se probaron, recollidos no auto, cóntase con detalle que o acusado tivera unha relación coa vítima e que non aceptou a ruptura, comezando un acoso contra Enjamio, até que rematou coa súa vida.

O suceso tivo lugar na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2019, cando Adrio abordou a moza no portal do seu edificio, en plena madrugada e sorprendéndoa, e atacouna cun coitelo ou unha arma similar sen que ela tivera marxe de defenderse. Causoulle preto dunha trintena de feridas, a maioría na zona do corazón.

Segundo recolle Europa Press, o tribunal di observar "a notábel intensidade da fustrigación" que perdurou por cinco meses. Aliás, ao provocar a mudanza da vítima, causoulle "a alteración maior da súa vida cotiá".

Na votación do xurado a maioría votou que foi un "crime pasional" porque o asasino considera "da súa propiedade" a Enjamio, "independentemente de ser muller".