Asasinato machista en Gondomar

Unha muller de 59 anos de idade, acoitelada polo seu marido.

Soledad Rey, de 59 anos de idade, foi asasinada na tarde de onte na parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar, acoitelada polo seu compañeiro, que tratou de suicidarse; no que todo aponta a un novo asasinato machista.

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, o suceso tivo lugar ás 16:25 horas, cando a Garda Civil recibiu un aviso sobre un posibel caso de violencia machista nesta localidade. Un taxista foi quen descubriu o asasinato ao chegar ao domicilio cun dos fillos da parella.

O movemento feminista anuncia convovatorias de denuncia do feminicidio esta sexta feira

Unha vez na vivenda, os axentes atoparon unha muller falecida con feridas presumiblemente de arma branca. Ademais, acharon ao presunto agresor, a súa parella, de 64 anos, ferido tras, supostamente, tratar de suicidarse cortándose as veas. Foi trasladado a un complexo hospitalario vigués con prognóstico grave, onde permanece ingresado e detido.

É o terceiro asasinato machista na Galiza no que vai de ano, a número 42 no conxunto do Estado español.

En declaracións a Europa Press, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, explicou que o Concello non ten constancia de que o presunto agresor tivese antecedentes por violencia de xénero nin da existencia de expedientes no departamento de Benestar Social ou Axuda á Muller. O alcalde, que condenou os feitos, sinalou que o matrimonio ten dous fillos maiores de idade, un deles dependente e do que se fixo cargo a familia.

Ademais, avanzou que na xornada desta quinta feira analizará co resto de portavoces municipais a posibilidade de declarar loito oficial no municipio así como de organizar un acto en repulsa do sucedido.

.