Violencia machista: detido un home por matar presuntamente a súa muller en Lugo

Imaxe dunha manifestación contra a violencia machista

A muller tiña feridas de arma branca no pescozo. A Policía acusa o seu mozo dos delitos de homicidio e violencia de xénero.

Axentes das Forzas de Seguridade veñen de deter F.J.B, o compañeiro da muller que foi atopada morta e con feridas de arma branca no baño da súa casa, nas Gándaras, en Lugo. Ao home investígaselle por violencia machista e homicidio.

Segundo informaron a Europa Press fontes da Policía española, o cadáver de C.M.F.V apareceu cunhas feridas de arma branca no pescozo.

De acordo con estas mesmas fontes, foi a nai da falecida a que acudiu ao redor das 22,00 horas da sexta feira á vivenda, situada na rúa da Ferradura, para levarlle comida. Tras o achado, avisou os servizos de emerxencias e os corpos de seguridade.

Os investigadores mantiveron nun principio abertas "todas as liñas de investigación", indicaba a Policía española, polo que non se desbotaba ningunha hipótese, nin sequera a do suicidio. Para esclarecer o suceso, os axentes interrogaron persoas próximas á vítima e á vivenda. O que si descartaba a Policía Nacional é que se tratase dun simple roubo.

Tras o levantamento do cadáver, o Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo puxo todas as actuacións realizadas baixo o segredo de sumario. O corpo foi levado ao Instituto Anatómico Forense para a realización da autopsia.

A última hora da tarde deste sábado, a Policía detiña o compañeiro da muller e acúsao de homicidio e violencia machista.