Falamos coa Asociación Jimmy Sempre con Nós

“O asasinato de Jimmy é unha cuestión política e non futbolística"

Pasaron dous anos desde que o afeccionado do Deportivo Francisco Javier Romero, alcumado “Jimmy”, fora asasinado a escasos metros do estadio Vicente Calderón, do Atlético de Madrid. Pasaron dous anos mais todo segue igual. A asociación antifascista Jimmy Sempre con Nós considera o asasinato de Jimmy “unha cuestión política” que vai alén do fútbol.

Recíbennos nun local situado perto do estadio de Riazor. Todas as paredes vístense con bandeiras e camisolas en honor a Jimmy, o afeccionado do Deportivo que o 30 de novembro de 2014 foi asasinado nas proximidades do estadio Vicente Calderón, en Madrid. Cada recuncho destila lembranza. “Creamos a asociación Jimmy Sempre con Nós para recordarmos o noso compañeiro, porque queren borrar todo o rollo, e para recadar cartos para o seu fillo”, explícanos Pablo Sánchez, un dos membros da directiva. “Sabemos que suplir o pai é imposíbel, pero tentamos que ao cativo non lle falte de nada”, din emocionados os seareiros cando lles preguntamos sobre a razón de ser da asociación.

Pablo: "O que máis me impresionou foi ver fileiras e fileiras de tíos. Non vías o final, era como un exército, como as lexións de romanos das pelis"

Pablo viaxara con Jimmy a Madrid. Non así Alberto Tordable e Diego Santiso, asiduos a acompañar o Dépor nos seus desprazamentos. “A noite antes de saír a Madrid ceei con Jimmy, dixérame que de saber que Diego e eu non iamos, que pasaba de ir”, relátanos Alberto. Pablo lembra aquela mañá, “o que máis me impresionou foi ver fileiras e fileiras de tíos. Non vías o final, era como un exército, como as lexións de romanos das pelis. Camiñaban de dous en dous, ombreiro con ombreiro, e diante viñan os máis armarios. Había un polaco que ía afiando unha macheta contra a outra mentres camiñaba e berraba moito”. El non ten dúbida, “foi unha encerrona e así o testemuñan informes policiais, que din que non existe evidencia de quedada. Había, ademais de ultras do Frente Atlético, ultras do Sporting de Gijón, valencianos e mesmo polacos”.

“Aos cinco minutos de chegar ao lado do río Manzanares apareceron unhas 300 persoas, en cambio, da policía non soubemos nada até que todo rematou”, expón Pablo, “é difícil de entender que se produza unha pelexa a menos dun quilómetro do estadio, onde sempre hai moitísima policía, que se despracen polas inmediacións 300 persoas armadas até arriba e tapadas e que non apareza axente ningún en media hora”. “Semella que quixesen que morrésemos máis”, engade. “E despois hai outras circunstancias que dan que pensar, como o feito de que a cámara que estaba enriba do lugar en que asasinaron a Jimmy non funcionara”, interrómpelle Alberto.

“Cambiaron de xuíz catro veces até que se lle deu a liberdade, en contra dos informes policiais, aos que supostamente mataron a Jimmy"

“Vivimos nun Estado fascista, a transición foi unha farsa e o poder segue aínda nas mans dos mesmos que mandaban antes”, coinciden os tres en varios momentos da conversa. Refírense, fundamentalmente, ao proceso xudicial, que provocou o ingreso en prisión preventiva de varias persoas que xa están na rúa. “Cambiaron de xuíz catro veces até que se lle deu a liberdade, en contra dos informes policiais, aos que supostamente mataron a Jimmy ”, explican. “E todo semella que fica reducido a unha rifa tumultuaria, que é do que me acusan a min, de participar nunha rifa tumultuaria”, intervén Pablo. Sobre Pablo, como sobre outras persoas que se atopaban aquel 30 de novembro ás beiras do Manzanares, pesa un proceso penal e multas de 60.000 euros máis xuros. “Firmes hai sobre 60 multas, todas a afeccionados do Dépor e, curiosamente, do bando do Atlético non lles chegou ningunha sanción”, indica. Pablo lembra que aquel día a policía detivo “todos os que estabamos feridos, suorosos ou sucios”. Non só había afeccionados adscritos aos Riazor Blues. A sorpresa colleu seareiros e seareiras doutras peñas ou sen adscrición ningunha.

A Asociación Jimmy Sempre con Nós lanza outras sospeitas arredor do caso, “é curioso que non haxa imputado ningún pola segunda persoa que lanzaron ao Manzanares e tamén é curioso que de 20 taxistas quixesen o testemuño dun deles, por certo, fascista. Tampouco aceptaron o testemuño do dono dun bar ao que entraron para se faceren con máis coitelos, que traían nunha bandexa e que distribuíron na porta”. Aliás, lamentan que a xustiza non queira escoitar a versión da testemuña protexida. “Hai probas e non se fai nada”. “Nós esta xustiza non a queremos, porque nos demostrou que non existe. Nós esiximos xustiza de verdade”, subliñan os membros da asociación, que advirten de que “non vivimos nunha democracia”. “Todo o de Jimmy ten a ver coa política e non con clubes de fútbol”, denuncian.

"Non hai ningún chat de ninguén do Dépor en que se falase de pelexármonos cos ultras do Atlético. Foi unha emboscada"

Os tres membros da directiva insisten en desmontar as falacias que xurdiron arredor do asasinato de Jimmy, “dicían que se sairamos de Lugo, cando partimos, como sempre, do Palacio da Ópera... E despois, os whatsapp! Non hai ningún chat de ninguén do Dépor en que se falase de pelexármonos cos ultras do Atlético”. “Foi unha emboscada”, insisten. “De seguro que nos estaban agardando á entrada de Madrid e dándose chivatazos uns aos outros”.

Da contenda nos arredores do estadio, amais do asasinato de Jimmy, saíron sete afeccionados do Dépor apuñalados, “algún deles con tres ou catro puñaladas polas costas”, di Pablo. “E o mellor é que Tebas [presidente da Liga de Fútbol Profesional que pertenceu a Fuerza Nueva] pon a afección do Atlético como exemplo”, agrega.

Bandeiras prohibidas

Os tres membros da directiva da asociación cóntannos, ademais, que os afeccionados e afeccionadas do Dépor non poden levar bandeiras de Jimmy aos estadios alén de Riazor, “aquí si que nola deixan pasar, pero en Balaídos, por exemplo, nada. E non por ser o campo do Celta. Tampouco a deixaron meter noutros campos”. “No Calderón deixan meter esvásticas, pero resulta que os do Dépor non podemos entrar aos campos de fóra da Coruña con bandeiras de Jimmy, Sempre con Nós ou de Jimmy Vive ou as bandeiras da estrela”, din, en alusión á bandeira da patria.

"Mentres nós non podemos acceder a estadios con bandeiras de Jimmy, outros poden contar chistes sobre el no Twitter"

“E mentres nós non podemos acceder a estadios con bandeiras de Jimmy, outros poden contar chistes sobre el no Twitter: fotos de Jimmy no río coa cara dun porco, lendas como que ben se nada no Manzanares ou apuntádeo a clases de nado... e aquí non pasa nada”, critican.

Esta cuarta feira, coincidindo co segundo aniversario do seu asasinato, haberá un acto de lembranza onde membros de Riazor Blues e do deportivismo en xeral farán unha marcha que partirá ás 21 horas desde a Praza de Portugal até a Torre de Maratón, lugar en que se lerá un comunicado.