Asasinada unha muller en Madrid pola violencia machista

O autor dos feitos, que foi detido na propia vivenda, tamén lle causou feridas ao fillo que a parella tiña en común. O neno, de 12 anos, precisou hospitalización. Son xa 46 as mulleres asasinadas no Estado.


Unha muller de 38 anos foi asasinada en Madrid polo seu compañeiro sentimental. Provocoulle unha "ferida incisa" no pescozo que lle causou a morte, sen que os servizos de emerxencia desprazados até a vivenda que a parella partillaba puideran facer nada por lle salvar a vida.

O fillo que tiñan en común, de 12 anos de idade, resultou ferido de gravidade tamén por arma branca e precisou hospitalización. O compañeiro sentimental da muller, de 42 anos, foi detido xa no lugar dos feitos como autor do asasinato. No que vai de ano, a violencia machista matou 46 mulleres no conxunto do Estado, dúas delas na Galiza.