Asaltan e agriden gravemente dous rapaces en Vigo após bicarse

A praza de Portugal, onde tivo lugar a agresión. (Foto: Nós Diario)
"Non me cabe ningunha dúbida que o motivo [da agresión] foi que os viron bicarse", explica a parella dun dos agredidos, "foi unha agresión homófoba".

Un grupo de persoas asaltaron e agrediron gravemente dous rapaces na praza de Portugal, en Vigo, após bicarse, mandándoos ao hospital.

A agresión homófoba, segundo denunciaron ante a policía, tivo lugar na madrugada do domingo á segunda feira, cando as dúas vítimas se atopaba con catro amigas tomando unhas copas na cidade.

Nun momento da noite, o grupo sentouse nun banco, e os dous rapaces comezaron a bicarse. Foi aí cando, sen previo aviso, outro grupo de rapaces que se atopaban na praza comezaron a increpalos e iniciaron a agresión.

Despois de entrar no hospital, os facultativos constataron que un dos agredidos tiña unha fractura do tabique nasal, un desgarro nunha orella e varios hematomas na faciana e no corpo. O outro rapaz presentaba unha moa rota e un traumatismo nun cóbado.

"O motivo foi que se bicaran"

A parella dunha das vítimas da agresión explicou ao diario dixital Público que "eran un grupo de sete persoas, cinco rapaces e dúas rapazas". "Cando se deron bicaron, comezaron a murmurar, pouco despois achegáronse e golpeáronos".

"Non me cabe ningunha dúbida que o motivo [da agresión] foi que os viron bicarse", engade, "foi unha agresión homófoba".

É a segunda agresión homófoba que ten lugar en Vigo nos últimos cinco meses. En novembro de 2021, o actor Alberte Bello denunciou unha malleira que lle propinaron ao berro de "maricón de merda!".

A pasada semana, o grupo valenciano de hardcore punk Amor tamén denunciou nas súas redes sociais unha agresión homófoba sufrida por un dos seus integrantes, ao que, aseguran, rompéronlle o nariz e deixaron inconsciente despois dunha actuación en Ourense.