As universidades erguen a voz contra os recortes do PP

Os tres reitores galegos tamén fixeron parte da lectura simultánea dun manifesto nos 50 campus públicos do estado en que convidan ao ministro de Educación e ao presidente do executivo español a entenderen a educación e a I+D+i "como un investimento e non como un gasto"


"Que a educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, que van intrinsecamente unidas entre si, sexan consideradas como un investimento e non como un gasto". É o que piden nun manifesto @s reitor@s das 50 universidades do Estado español, entre elas as tres da Galiza. Esta segunda feira déronlle lectura de maneira simultánea para advertiren ao goberno español e ao ministerio de Educación que "non perderán só as universidades, senón que quedaremos sen unha das armas necesarias para avanzarmos e saírmos da crise: o coñecemento".

Así as cousas, os tres reitores galegos, Salustiano Mato (UVigo), Xosé Luís Armesto (UdC) e Juan Casares Long (USC), uníronse á reivindicación acordada pola Crue --Conferencia de Reitor@s das Universidades Españolas-- perante a aprobación dos Orzamentos xerais do estado, que reducen un 18% o investimento en educación superior e nun 80% os gastos non financeiros en I+D+i. O recorte supón, segundo consideran desde as reitorías, "un deterioro irreparábel" do ensino público.

Todo isto engadido á conxelación dos cadros de persoal "levaránnos á perda do tren do desenvolvemento tecnolóxico, hipotecando a investigación e os maiores avances na fronteira do coñecemento", enfatizan @s máxim@s responsábeis dos campus públicos. O endebedamento dos gobernos dos territorios e a diminución nas transferencias que o executivo central se lle transladan ás distintas universidades colocan estas últimas "nunha situación próxima á asfixia". 

Os reitores galegos, xuntos tamén contra a suba das taxas
Durante a súa conferencia de imprensa o reitor de Vigo, Salustiano Mato, referiuse como exemplo de tesoirada que xa foi aplicada ao recorte salarial do 12% para @s empregad@s públic@s, "que de xeito indirecto é dun 25%; estes recortes continuos estannos deixando sen o osíxeno mínimo para respirar". No caso do sistema universitario galego, Mato subliñou que as demandas céntranse no cumprimento do Plan de Financiamento para o período 2010-2015.

"Levamos tempo facendo os deberes e axustándonos, e o plan de financiamento, se se cumpre, aínda que significa unha conxelación, asegura un futuro tanto ás universidades como á sociedade en que se insiren", recalcou o reitor vigués, instando o goberno español a respectar o acordo das tres universidades galegas alcanzado coa Xunta de Galiza.

Pola súa banda, Xosé Luís Armesto, que tamén nesta segunda feira mantivo unha xuntanza con dúas voceiras do estudantado na UdC --das organizacións Iesga e Comités--, comprometeuse a manter as bolsas de estudos a pesar da redución orzamentaria que proxecta o Executivo de Mariano Rajoy. Armesto foi o único reitor que se abstivo na votación do Consello de Universidades, relacionada coa suba das taxas —onde o estudantado non ten representación— Na Galiza a postura en contra puxo de acordo os tres reitores, que non votaban en conxunto a favor do estudantado desde a LOU.

Mais unha vez que a maioría absoluta do PP levou adiante o RD 14/2012, centraron os esforzos en lograr que a Xunta non sucumbise perante os desexos de Madrid e conxelase os prezos da primeira matrícula, incrementando as seguintes na porcentaxe mínima proposta. Dixeron que o conseguiran e acrecentaron que foi "un logro importante", aínda que as organizacións estudantís Comités, Liga estudantil e Agir consideraron que os reitores non mantiveran unha postura firme dabondo contra o decreto.