As unidades neonatais dos hospitais galegos incumpren as recomendacións posparto

A asociación O parto é noso vén de publicar un informe en que alerta de que en ningunha destas 13 unidades se respectan as tres prácticas básicas sobre a accesibilidade de nais e pais ás mencionadas unidades e o cumprimento dos dereitos das crianzas ingresadas


Ningún dos 13 hospitais e clínicas con unidades neonatais da Galiza acata as tres prácticas básicas que recomendan o ministerio de Sanidade e a Organización mundial da saúde. Denúnciao a asociación O parto é noso no informe que vén de presentar, sobre a accesibilidade de nais e pais ás mencionadas unidades e o cumprimento dos dereitos das crianzas ingresadas.

Tales recomendacións fan referencia a que @s proxenitor@s deberán ter acceso a calquera hora do día ou da noite á crianza que estea enferma. Para alén de reclamaren a posta en marcha do denominado 'coidado canguro', o contacto pel con pel temperán e continuado entre a nai e @ acabad@ de nacer, exixen tamén que non se impoñan restricións na lactancia --nin na duración nin na frecuencia.

Denuncian que as necesidades sobre lactancia "son ignoradas en todas as unidades, xa que nelas seguen a prevalecer os horarios nas tomas", en lugar de que estas se axusten á demanda da crianza. E todo isto porque no sinalado documento O parto é noso afirma que as nais e os pais ven restrinxido a súa entrada á unidade onde está ingresada a súa crianza, situación que se repite en 11 das 13 unidades. O 'coidado canguro', que consideran "fundamental" para a saúde d@s acabad@s de nacer, só se realiza en cinco desas unidades.