As turistas do inverno

Bando de Gavitas Euroasiáticas (Haematopus ostralegus) Foto: Pepís Beiró
Os ornitólogos de toda Europa saíron este xaneiro a espiar os paxaros que se resgardan nas zonas húmidas. Esta acción, que na Galiza está coordinada pola Sociedade Galega de Historia Natural, permite obter datos que son analizados por Wetland International. O grupo que censou a zona que vai desde Ponteceso a Lires rematou o seu traballo no encoro de Mazaricos.

X osé Manuel Penas Patiño, Carlos Pedreira, Xan Santamaría e Agustín Alcalde levan boa parte da súa vida coa cabeza volta cara aos ceos. Cústalles saber se foi antes a amizade ou os paxaros. Tampouco importa moito, o caso é que ambas as cousas van da man. Ao grupo sumáronse Pepín Beiró e Amancio Losada coas súas cámaras xigantescas. Clara Penas é veterinaria e acompáñaos libreta en man para anotar as cifras. A súa área de observación é a que vai desde Ponteceso até a ría de Lires, así como o encoro de Mazaricos, onde realizan a última xornada do censo. Mentres este grupo está aquí, outros voluntarios da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) observan as aves do resto da Galiza. Hai corenta anos que se realizan estas accións coordinadas a nivel internacional por Wetlands International. "Facémolo máis ou menos nas mesmas datas en toda Europa para que non se repitan as aves que contamos", explica Penas Patiño.

Na busca do grou

O día é claro e frío. Non hai rastros de néboa nin vento. A visibilidade é boa. A primeira parada é nunha estrada de San Cosme de Antes (Mazaricos) para ver o encoro desde lonxe. Montan os seus telescopios de terra e quedan en silencio. Parece que non están vendo nada e, de súpeto, din: "153 lavancos e 27 parrulos listados". O resto confirman a cifra. Un deles "suma unha femia". Contan que o ano pasado viron varios grous (Grus grus) mentres facían este censo. "É un bicho que inverna nas devesas estremeñas, velo aquí é unha rareza", explica Patiño. Santamaría non estaba ese día e trae ganas de poder ver algún. "Quen voa aí?", di Patiño. Apuntan todos cos seus prismáticos cara ao ceo. "Nada, unha gaivota". Cambian de localización e comezan a bordear o encoro.

Coñecen ben os lugares e atallan por pistas. Saben onde teñen que ir, a que horas e en que condicións para atopar cada ave. Os días son curtos e a tarefa é longa. Comezan a aparecer corvos mariños (Phalacrocorax carbo), picaxuncos (Cisticola juncidis) ou cercetas (Anas crecca). Tamén unha especie das que hai que buscar nos prados: a aguaneta (Gallinago gallinago). "Se non andas e a levantas, non a apuntas, porque ela espera á última hora, por iso lle chaman a xorda", conta Patiño. Comezan a camiñar pola braña e aparecen. "Espera a que chegues aos tres metros e á última hora levántase botando un berro".

Cando Patiño e Pedreira comezaron a facer censos, o traballo era bastante máis canso e laborioso. Era o ano 1973 e tiñan que combinar autobuses e taxis para poder acampar no día de antes en Balarés, na Ponteceso. "Estabamos durmindo na tenda de campaña e chegou a Garda Civil para pedirnos a documentación, ao quitar a cabeza encontramos cunha metralleta na cara", recorda Patiño. Ao ano seguinte xa aprenderan a lección. Cando volveron solicitarlles a identificación, sacaron só as mans.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.