DESPOIS DUN MES DE MOBILIZACIÓN ESTUDANTIL

As tres universidades galegas esixen a conxelación das taxas

A organización estudantil galega Comités anunciou que na vindeira xuntanza do Consello Galego de Universidades, UdC, USC e Uvigo esixiranlle á Xunta manter conxelado o aumento das taxas nas primeiras matrículas universitarias.



O responsábel nacional de Universidade dos Comités, Daniel Candal, explicou que a organización soubo dun acordo entre os tres reitores galegos para esixiren o 2 de xullo, cando se reúna o Consello Galego de Universidades, que a Xunta manteña conxeladas as taxas universitarias para as primeiras matrículas. Unha “boa noticia para o estudantado galego”, segundo Candal, independentemente de que teñan que agardar á concreción deste acordo, “senten as universidades do seu lado nun contexto adverso”.

Para Candal, desde as mobilizacións contra a LOU, hai máis de dez anos, as tres universidades galegas non tomaran posición, “dunha maneira tan clara, e en conxunto, da parte do estudantado galego e contra os recortes no ensino”. Despois de varias mobilizacións, e a folga estudantil do pasado 10 de maio e que, a presión estudantil foi esencial para chegar a día de hoxe ante este anuncio por parte das universidades.

As tres universidades asumen, logo, a principal esixencia desta organización estudantil, ao esixir que se manteñan conxeladas as taxas. “Non se pode permitir ningún tipo de aumento do prezo das matrículas universitarias, sexa cal sexa, nun contexto de crise económica como a actual, posto que estarán a provocar consecuencias sociais moi graves”, recalcou Candal. Indicou tamén que ao acordo débese sumarse os Claustros e os Consellos de Goberno das tres universidades galegas.