As sete cidades galegas están chamadas este 10 de marzo a se mobilizaren no Día da clase obreira galega

Este domingo, Día da clase obreira galega a Confederación Intersindical Galega convoca mobilizacións comarcais para exixiren "o dereito ao emprego digno, á negociación colectiva e á soberanía nacional". Horas e lugares no interior.

 

Traballadoras e traballadores de todo o país está chamados a se mobilizaren co gallo do 10 de marzo, Día da clase obreira galega. Nesta data, en que se conmemora o asasinato a mans da policía franquista de dous sindicalistas de Ferrol, Amador Rei e Daniel Niebla, durante unha manifestación nos estaleiros de Bazán a central sindical nacionalista convoca á clase traballadora galega e ás maiorías sociais a se manifestaren en prol dos seus dereitos nun momento en que a taxa de desemprego rolda o 22% na Galiza.

Neste senso, o dereito á negociación colectiva, ao emprego digno e á saída nacional centrarán as reivindicacións da central sindical.

Horas e lugares das mobilizacións

  • Ferrol: 12:30 horas, Avenida do Esteiro (local da CIG).
  • Vigo: 11:30 horas, Cruce de Lepanto con Gran Vía.
  • A Coruña: 12:00 horas, Praza de Vigo.
  • Compostela: 12:30 horas, Praza Roxa.
  • Lugo: 11:30 horas, Ronda da Muralla (local da CIG).
  • Ourense: 12:00 horas, Pavillón dos Remedios
  • Pontevedra: 12:00 horas, Praza da Peregrina.