Os recortes deixan a metade das crianzas en risco de exclusión social

Do paradigma de Peter Pan (persoas adultas que se comportan como crianzas) cara ao paradigma de Oliver Twist (crianzas obrigadas a se comportaren como adult@s traballando e asumindo responsabilidades que non son propias da súa idade): na Galiza unha de cada dez crianzas vive xa nun fogar onde ningunha persoa ten emprego

 

Na Galiza unha de cada dez crianzas vive nun fogar onde ninguén ten emprego. Xogando coas tesoiras, o PP colocou o Estado español á cabeceira dos territorios da Unión Europea onde @s menores de idade sofren maior risco de exclusión social. No Mundo a desnutrición infantil afecta a máis de 200 millóns de nen@s. É esta a realidade en que cómpre colocarmos a conmemoración de máis un Día internacional da infancia.

Marchar para a cama sen cear non é unha reprimenda a crianzas fedellas e no Observatorio popular polos dereitos sociais pregúntanse xa se "camiñamos do paradigma de Peter Pan --persoas adultas que se comportan como crianzas-- cara ao paradigma de Oliver Twist --crianzas obrigadas a se comportaren como adult@s traballando e asumindo responsabilidades que non son propias da súa idade".

Así as cousas, os datos da Federación de entidades de atención e educación á infancia e á adolescencia, Fedaia, describen unha Catalunya onde o 23% das nenas e dos nenos non poden cear porque non teñen que. Sen cifras concretas que confirmen este mesmo panorama no noso país, Unicef sinala porén que a porcentaxe de crianzas en risco de exclusión social si que é similar, ao se situar xa por riba do 20%. A repercusión que a crise ten para @s pequen@s tamén se reflexa nas taxas de abandono escolar temperán, que en 2011 e segundo os datos da propia Xunta de Galiza se situou no 21%, fronte á media do 14% rexistrada para a UE.

Cadrando co Día internacional da infancia vén de se presentar un informe financiado por LaCaixa e elaborado polo Observatorio social de España (OSE) e a Universidade catalá Pompeu Fabra. Sinala o documento como a pobreza infantil severa aumentou un 45% nos últimos catro anos, e coloca o dedo riba "do déficit das políticas de familia e infancia" desenvolvidas polo PP e que, nos mellores casos, non se modificaron a pesar da crise capitalista. As máis das veces, tales políticas sufriron tamén os recortes.

Sinálase no informe o papel das mulleres á hora de evitaren "peores consecuencias económicas e de risco de pobreza". Porén, o traballo dos coidados non se recoñece, e o documento fala de mulleres "inactivas" que se viron "forzadas" a buscaren emprego perante a destrución de traballo masculino. O texto recentemente publicado coloca o estado á cabeza de Europa canto á taxa de pobreza infantil, e culpa "as políticas sociais que están implantadas". Por derradeiro, cómpre sinalar que o perfil máis afectado, para alén das familias inmigrantes, sería o dunha familia monoparental encabezada por unha muller e con crianzas.