As persoas encarceradas na Galiza, a un paso de teren garantida a asistencia letrada

Cárcere de Bonxe, en Outeiro de Rei [SG]
@s máis de 4 mil pres@s que cumplen condena nas cinco prisións galegas non teñen a día de hoxe acceso a avogad@s de oficio, polo que o acompañamento xurídico depende do poder adquisitivo. Unicamente en A Lama e Pereiro de Aguiar funcionan equipas en que profesionais do Dereito fan dúas visitas á semana a quen reclame asistencia, todo de maneira voluntaria

 

As máis de 4 mil persoas que cumpren condena nalgún dos cinco cárceres do País fican a un paso de ver respectado o seu dereito a asistencia letrada. Após catro anos lidando coa Xunta de Galiza e coa avogacía, a Asociación de apoio ás persoas presas Concepción Arenal e o Observatorio polos dereitos e liberdades Esculca veñen de recibir o visto e prace do Consello da avogacía galega para comezar a prestar este servizo nas prisións. Só falta a confirmación da dirección xeral de Xustiza.

Arestora, xa funciona o servizo de asistencia letrada nos penais de Pereiro de Aguiar e A Lama, a cargo dos Colexios de avogad@s de Ourense e Pontevedra e mediante un convenio coa Dirección xeral de institucións penitenciarias que autoriza a entrada d@s letrad@s polo réxime de grupos de voluntariado. Porén, quen asiste aos e ás internas que así o solicitan non recibe retribución económica algunha e, segundo o proxecto que Esculca e Concepción Arenal presentaron á Xunta, o número de avogad@s --dúas por semana-- non é tampouco dabondo.

Os obxectivos son dous: garantir dunha banda os dereitos da poboación reclusa e, pola outra, traballar en prol da reinserción social facilitando a orientación en cuestións relativas á familia e á contorna social. Búscase, así mesmo, garantir a igualdade de oportunidades respecto a unha persoa non encarcerada no que ao acceso á tutela xudicial efectiva se refire.

Un despacho sen funcionari@s de prisións e un traballo remunerado

En consecuencia, solicitan os dous colectivos que se asine un convenio a tres bandas --Colexio de avogad@s, Dirección xeral de institucións penitenciarias e Xunta de Galiza-- en virtude do cal se habilite en cada prisión un despacho onde a relación coa persoa se manteña sen presencia de persoal dos cárceres e sen barreira nin cristal de seguridade. Entenden, así mesmo, que o número de visitas que deben recibir @s reclus@s de A Lama e Teixeiro sería de cinco á semana, namentres que en Pereiro de Aguiar, Monterroso e Bonxe abondaría con dúas visitas. En total, 16 letrad@s para cada sete días. O custo orzamentario que suporía cubrir este dereito fundamental non excedería en ningún caso os 300 mil euros anuais.

O regulamento penitenciario sinala que non é preceptiva a intervención letrada até o recurso de apelación. Por tanto, @s pres@s atópanse "nunha situación de indefensión técnica" ao non ter dereito a avogad@ de oficio ao estar condenad@ en virtude dunha sentencia firme --contra a que xa non cabe recurso. Explica Fernando Blanco, presidente de Esculca, que a situación "vaise remediando" a día de hoxe con "avogados voluntarios", mais as comisións formadas funcionan unicamente en Ourense e Pontevedra. "A idea é espallalo a toda Galiza, e que sexa un servizo retribuído", apunta Blanco.

Namentres en territorios como Andalucía, a asistencia xurídica nas prisións, que se viña prestando desde 2001 a 2008, é un servizo en vías de extinción. O Ministerio de Interior non renovou o convenio e a consellaría de Xustiza decidiu deixar de sufragar os gastos. Porén, a presión social obrigou á apertura dunha vía de diálogo e dun debate parlamentar que con toda probabilidade conducirá de novo á cobertura deste dereito fundamental. Segundo Fernando Blanco, o servizo que se porá en marcha na Galiza será similar ao andaluz e atenderá á redacción de escritos de petición, recursos e o seguimento ante os organismos competentes sobre temas como sanidade, traballo, permisos de saída ou revisión de graos e liberdade condicional --terceiro grao.