As persoas de 80 ou máis anos recibirán de modo simultáneo as vacinas da gripe e da terceira dose da Covid

Unha usuaria dunha residencia no comezo da campaña para a terceira dose da vacina. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Os centros de saúde de cada área sanitaria citarán -vía SMS- as persoas maiores de 80 anos para vacinarse. O conselleiro non desbota, para os tramos de 70 a 79 anos, recuperar os centros de vacinación masiva.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) citará desde a vindeira segunda feira, 25 de outubro, as persoas maiores de 80 anos para recibir a dose de reforzo contra a Covid-19 -a terceira-, aos que á mesma vez se ofrecerá a vacina antigripal.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa hoxe, na que destacou que a partir do 25 de outubro vacinarase nos centros de cabeceira, nos que xa recibiron as dúas doses anteriores, aos maiores de 80 anos unha vez finalizada a administración da de reforzo a 31.793 persoas das residencias sociosanitarias.

Comesaña incidiu en que esta dose de reforzo chega cando na Galiza, na actualidade, máis do 93%o da poboación diana está inmunizada e máis dun 94% recibiu polo menos unha dose. O conselleiro insistiu en que Galiza segue co proceso de vacinación contra este coronavirus, ao que se suma agora a dose de reforzo. Por iso, lembrou que quen non se vacinou até a data contra a Covid-19 pódeo facer nos puntos de vacinación habilitados nos hospitais a través de autocita ou sen cita.

O titular de Sanidade subliñou que os maiores de 80 anos serán citados en centros de cabeceira en Atención Primaria como na vacinación das outras doses a través dun SMS para acudir.

A esta poboación será á que "soamente" se lle ofertará a vacina antigripal cando reciban a de reforzo contra a Covid-19, a condición de que transcorresen máis de seis meses desde a segunda dose.

Aos maiores de 80 anos que non acudan ao primeiro chamamento a vacinarse, citaráseos posteriormente mediante chamada telefónica de reforzo que lles fará persoal de enfermaría.

"O máis probábel é que recorramos a centros de vacinación masiva"

Posteriormente, serán os cidadáns de entre 70 e 79 anos os que reciban esa dose de reforzo, que serán citados unha vez que transcorran o seis meses da dose anterior.

Preguntado sobre se para este colectivo recorrerase a centros de vacinación masiva, que previsibelmente se comezará a citar a partir de mediados de novembro, Comeñasa avanzou a posibilidade de que se recuperen esas instalacións na Galiza polo volume de persoas que van coincidir.

"O máis probábel é que recorramos a centros de vacinación masiva", afirmou, para matizar que neste colectivo xa non se administrará a dose de reforzo contra a Covid xunto coa da gripe, xa que iso "só" se ofertará a maiores de 80 anos, por ser "loxísticas diferentes".