As numerosas protestas fixeron recuar a Xunta nas fumigacións aéreas de eucaliptais

[Imaxe: Plataforma contra as fumigacións]
Nun documento remitido ao Valedor do Pobo, a Secretaría xeral de montes confirma que non autorizou o uso do praguicida Cascade polo aire. Porén, confirma as sospeitas da Plataforma contra as fumigacións ao dar a entender que o produto foi usado en tratamentos por terra contra o gorgullo do eucalipto. O produto está catalogado como tóxico pola UE e o seu uso ficará prohibido a partir de xaneiro de 2013


A presión social fixo recuar á Xunta na súa intención de conceder á patronal española do papel, Aspapel, licencia para practicar fumigacións aéreas contra a praga do gorgullo do eucalipto. Así o sinala a Secretaría xeral de Montes nunha información solicitada polo Valedor do Pobo, se ben a resposta chegou fóra do prazo legal fixado e será obxecto dun "informe crítico" que José Julio Fernández Rodríguez presentará no Parlamento galego.

O escrito translalado pola Xunta confirma que a solicitude presentada pola empresa contratada por Aspapel para practicar as fumigacións foi denegada "ao non cumplir os condicionantes previstos na directiva 128/2009/CE para este tipo de tratamentos", tal e como se recolle nunha nota de imprensa remitida pola Plataforma contra as fumigacións. A devandita directiva europea prohibe expresamente fumigar desde o aire cando existan outros métodos de combater unha praga, como é o caso nas plantacións de monocultivo de eucaliptos afectadas polo insecto Gonipterus scutellatus, contra o cal existen outros medios como a loita biolóxica, que inicialmente puxera en marcha a propia Xunta.

A alarma perante as fumigacións co praguicida tóxico Cascade --que inclúe entre a súa composición o principio activo flufenoxuron, de elevada toxicidade, tal e como se pode ler na etiqueta do propio produto-- saltou en abril de 2012, cando a Asociación galega de apicultura informou das intencións de Aspapel de común acordo coa Xunta, as asociacións forestais e os concellos gobernados polo PP.

Emprendeuse unha intensa campaña de mobilizacións en contra das fumigacións, e a Plataforma alertou de que as 'Zonas de tratamento químico' eran en total 69 áreas de 8 quilómetros de diámetro cada unha, distribuídas en terras da Coruña --40 localizacións--, Pontevedra --28 localizacións-- e Lugo --1 localización-- e responden ás masas máis extensas e con maior afectación da praga, afectando tamén a Rede Natura. Máis de cen mil sinaturas entraron no Parlamento de Galiza en contra do tratamento do gorgullo con este produto, conseguindo o apoio de todas as formacións políticas que hoxe teñen representación, agás o PP.

Ao fío, o grupo parlamentar de AGE, a través dunha proposición non de lei, vén de instar a Xunta a que reclame que o Goberno español suspenda a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas neonicotinoides e fenilpirazoles no Estado, así como a adopción de medidas de protección das abellas e dos polinizadores. Estes produtos empréganse na agricultura extensiva e actúan sobre o sistema nervioso dos insectos. 

Na información remitida ao Valedor, a Xunta dá a entender que se realizaron fumigacións parciais desde terra con Cascade, catalogado como tóxico pola UE e cuxo uso ficará prohibido a partir de xaneiro de 2013. Entre os efectos nocivos deste insecticida "persistente e bioacumulable" está o de ser tóxico para as abellas e os animais acuáticos, acumulándose na cadea trófica e contaminando os cursos de auga. Tamén mata as avespas que se empregan na loita biolóxica contra o gorgullo.