EDUCACIÓN

As novas condicións para ser bolseir@ son ''outro paso para aniquilar a Pública''

Foto: Galiza Nova
Os e as universitarias deberán aprobar entre o 90% e o 100% dos créditos para renovaren unha bolsa, segundo contempla o novo réxime de axudas ao estudo que o Ministerio de Educación enviou a Bruxelas. Estas medidas ''multiplican por dous'' o empeoramento das condicións dunha persoa con poucos recursos de acceder a estudos de Grao

O estudantado que conte cunha bolsa deberán superar entre o 90% --bolsas xerais-- e o 100% dos créditos --bolsas salario-- se queren renovar dita axuda. É a achega feita polo Ministerio de Educación no Plan Nacional de Reformas que o Goberno español enviou a Bruxelas e que o departamento que dirixe José Antonio Wert pretende aplicar no vindeiro curso 2012-2013. En Galiza, os Comités --organización maioritaria no estudantado galego-- aseguran que esta nova disposición non @s colle por sorpresa.

"Non é máis ca unha continuación de todas as políticas que están a desenvolver no Ensino", explica Daniel Candal, responsábel nacional, lembrando que a tesourada de 3.000 millóns nos Orzamentos apunta á calidade do sistema público e carga nos ombreiros das e dos estudantes o peso económico da súa formación. A consecuencia dos recortes anunciados por Wert supón a maior suba de taxas da historia, mentres o titular do Goberno español, Mariano Rajoy, di que "non hai cartos para os servizos públicos" e pide unha 'esmola' de "uns poucos euros" entre a cidadanía.

Cara a unha Universidade só para ric@s
A tradución deses "poucos euros" será que os e as alumnas de novo ingreso deberán aportar até 540 euros máis por matrícula e ano, xa que pasan de facerse cargo do 15% ao 25% do prezo do crédito. Facendo as contas sobre unha matrícula que custe de media mil euros, suporá un incremento do 66% na cantidade a pagar. "Se a suba das taxas deixaba xa fóra do Sistema Universitario ás alumnas e alumnos con menor poder adquisitivo, con esta nova medida o empeoramento multiplícase por dous", valora Candal, quen considera que o documento levado a Bruxelas "é un paso máis para aniquilar a Universidade pública".

E é que até o de agora o que se pedía era ter unha cualificación media dun 5 e superar o 80% dos créditos para manter a axuda. Isto era así na maioría das carreiras, agás nas Enxeñeirías, onde a porcentaxe se rebaixaba ao 60%. A tenor deste texto, o Ministerio de Educación pretende que para acceder á condición de bolseira --dunha bolsa xeral, que consiste no pagamento íntegro da matrícula-- no primeiro curso dunha titulación, a persoa deberá obter unha nota de 5,5 puntos nas probas de acceso, con exclusión da parte específica. E para renovar a axuda no segundo ano e nos seguintes do Grao cumprirá superar unha porcentaxe dos créditos matriculados no curso anterior que vai desde o 65% para Arquitectura e Enxeñeirías e o 90% para o resto das titulacións da área de Artes e Humanidades, e Ciencias Xurídicas e Sociais.

Para obter unha bolsa salario ou compensatoria --o pago íntegro da matrícula e de axuda mensual para que as alumnas e alumnos non deixen de estudar para se pór a traballar-- haberá que dispor dunha nota media de 6 puntos, e para a renovación haberá que superar a todalidade dos créditos matriculados, con excepción das Enxeñeirías e Arquitectura, onde a porcentaxe baixa até o 85%. No documento de Wert contémplase, finalmente, que non se financiarán con cartos públicos os créditos que se matriculan por segunda ou terceira vez, isto é, as materias suspensas.

A xuízo do voceiro dos Comités, Daniel Candal, o propio documento está mal pensado desde a súa orixe: "enténdese como normal ter o 100% dos créditos aprobados, cando iso non é o normal. É, máis ben, unha excepción". A organización estudantil aproveita a nova bofetada do Goberno español ao Ensino público para lembrar a xornada de folga nos niveis medio e universitario que está convocada en todo o país para o 10 de maio.