As Nais contra a impunidade apreséntanse en Compostela

Nais contra a impunidade

O centro social A Casa do Vento acolle esta quinta feira a presentación dun colectivo de familiares de persoas falecidas baixo custodia policial e carceraria. O seu obxectivo: esclarecer a morte dos finados e dar apoio persoal, xurídico e contestatario ás familias en circunstancias similares

Esta quinta feira, ás 17 horas, o centro social A Casa do Vento acolle a presentación pública do colectivo 'Nais contra a impunidade en memoria de Xosé Tarrío e Diego Viña'. Contra a impunidade, por seren familiares de persoas que faleceron en estrañas circunstancias, que inda fican sen aclarar, cando se atopaban en centros de detención. Isto é: baixo custodia policial ou carceraria. E en memoria de Xosé Tarrío e Diego Viña, “porque as súas mortes son os avatares doutros moitos que faleceron, malia que de formas diversas, cun fondo común”, explica Fran Del Buey, membro do colectivo e de PreSOS Galiza.

O proxecto constitúese en marzo de 2012, non obstante, é herdeiro doutras asociacións dos últimos 20 anos e continúa co seu mesmo espírito de traballo: solidario, universal e de balde. Explica Del Buey que a denominación de 'nais' se escolleu por ser estas a icona do concepto de familia pero que, no entanto, “as nais somos todos nós”.

E a unión actúa como terapia. As reunións do colectivo serven ás persoas integrantes para recordar a aquel@s que o poder teimou en borrar, tanto “contándonos as nosas penas e circunstancias”, explica Fran, como rendéndolles homenaxes anuais “de recordo e afecto”. Pero, alén diso, ofréceselle as familias en circunstancias tan dramáticas apoio persoal, asesoramento xurídico e axuda para emprenderen mobilizacións que tentan de dar visibilidade a uns temas “que sempre permanecen no anonimato”, afirma Del Buey.

Para tales fines, o colectivo instálase cada martes no barrio coruñés das Flores onde lles cederon un local no que se ofertan talleres de asesoramento xurídico universais e gratuítos. “A xustiza é moi cara e non existe unha rede de avogados que se adiquen a estas cousas; porén, é necesario elevar ás máis altas instancias estes casos que normalmente fican silenciados”, defende o avogado. Con todo, recoñece que ao local acude xente con todo tipo de problemas aos que tamén se lles brinda atención. “A pobreza e a exclusión tamén son causas de falecemento”, reflexiona.

Presentación de Huye, hombre, huye en dixital e concertos

Amais da presentación do colectivo, na Casa do Vento tamén se dará a coñecer a versión dixital, descarregabel e gratuíta do libro que Xosé Tarrío escribiu como crónica dos seus anos en prisión. Nais Contra a Impunidade ten a encomenda de xestionar os dereitos de autor sobre Huye, hombre, huye por encomenda da súa proxenitora Pastora, tamén integrante da asociación.

A obra conta xa con arredor de 20.000 exemplares vendidos por todo o mundo e foi traducido a un bo número de idiomas coma o italiano, o grego, o croata, o alemán ou o francés. A edición en inglés está a piques de saír, o que proba a súa relevancia e a internacionalidade do tema.

Finalmente, os concertos de Garcia MC e Bitxo Bola marcarán o fin de festa no Ateneo a partir das 22 horas como guinda a unha xornada divulgativa que tamén precisa dun momento lúdico porque, como di Fran Del Buey, “tamén nós temos dereito a gozar da vida”.