As aulas comezarán o 17 de setembro en secundaria e a cuarta feira de cinza será feriado

A mesa sectorial negociou coa Consellaría de Educación este atraso no calendario lectivo a petición da CIG-Ensino. Foi  recollida a queixa de varios centros de ensino que insistían en que non había tempo suficiente entre as probas de setembro, o periodo de matrícula e o inicio do curso na data proposta pola Xunta, o 14 de setembro.

O vindeiro ano académico comezará o 12 de setembro en Primaria e o 17 en Secundaria, e o 13 de febreiro, cuarta de cinza, volverá ser feriado. Son as condicións que a mesa sectorial negociou coa Consellaría de Educación para o curso 2012-2013.

O departamento aceptou estas dúas achegas de CIG-Ensino, pois nun primeiro momento contemplábase o inicio das aulas na ESO para o 14 de setembro, "sen ter en conta que os prazos estabelecidos para a realización das probas nese mes, as avaliacións, a matrícula do alumnado e a posta en marcha do curso era insuficiente", recollendo así as queixas de varios centros escolares.

Respecto da Primaria, o sindicato nacionalista, con maioría no Ensino, foi contundente á hora de reclamar que se restitúa a xornada reducida de xuño e setembro, que foi "maioritariamente reivindicada", cunha folga "histórica" e un referendo, para alén das circunstancias pedagóxicas que aconsellan mantela. Así, despois de que o resto das forzas sindicais presentes na mesa sectorial --CC.OO., UGT, ANPE, STEG e CSIF-- asinasen no seu día a prol da eliminación desta xornada a petición da Xunta, nesta última negociación apoiaron a petición da CIG.

No relativo ás conmemoracións, propúxose ao departamento que dirixe Jesús Vázquez que no calendario existente se recollesen o 24 de febreiro, Día de Rosalía, o 25 de novembro, Día contra a violencia machista, e o 10 de marzo, Día da clase obreira galega. A consellaría "comprometeuse" a estudar as dúas primeiras datas.