Arzúa principia unha Festa do Queixo con récord de expositores e actividades
"A xente que veu a esta feira, repite, e a que non veu está convidada a facelo, non se vai arrepentir". O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, está confiado nun novo "éxito"da Feira do Queixo e así o transmite en conversa con Nós Diario. Onte foi a primeira das tres xornadas desta festa, marcada polo concerto Pequequeixo e o XVIII concurso de tapas e petiscos elaborados en base a este produto con Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Nestes días pasados, e a modo de quecemento para a festa, xa houbo actividades como a II Carreira Terra do Queixo ou unha cata comentada nos centros do ensino. Mais o forte, apuntan desde a organización, comezará hoxe, coa apertura das portas no recinto feiral e a inauguración desta 51 edición. "É o momento da festa que vivo con máis intensidade, pendente de que todo principie ben", confesa o rexedor arzuán. "Este ano temos como presentadores a Lidia e Xan Veiga, e como progoeiro a Federico Pérez".
Unha oferta completa
Este ano vén marcado tamén por un récord de expositores e stands, sinala Xoán Xesús Carril. No recinto vai haber 80 expositores de queixos desta DOP e procedentes doutras partes da Galiza e de fóra do país, así como 90 stands e unha vintena de postos con outro tipo de produtos. Aliás, fóra do recinto, 200 postos con produtos de todo tipo e 24, "montados pola Deputación da Coruña, con artesanía, alimentación...". "Houbo que ampliar o espazo nas rúas para os postos" ante a alta demanda, apunta o alcalde da vila.
A xornada do sábado vai estar marcada por un amplo programa de propostas, desde showcooking e degustacións con chefs como Diego Mato até maridaxes de queixo e cervexa, animación de rúa ou unha actuación dirixida ao público familiar.
Xa pola noite, un dos pratos fortes desta festa edición tras edición: os concertos. Esta vez a música correrá a cargo de Dogo, banda compostelá gañadora do Queixo Maquetón, encargados de inaugurar a xeira de actuacións. A seguir, sairá ao escenario Dulzaro, unha das grandes revelacións da música tradicional de Castela e León, que reinventa o folclore cunha fusión vibrante de raíz e vangarda. A banda catalá Dorian —unha das máis asentadas no panorama estatal—, Dakidarría e Cool Nenas porán o ramo á oferta musical do sábado.
"Esta é unha festa distinta, hai moitas actividades e propostas para todos os públicos e idades, hai xente que vén para desfrutar do queixo, haina que vén polos concertos e haina que vén para gozar de todo o ambiente", apunta Xoán Xesús Carril, que augura un novo "éxito" da Festa —"a ver se o tempo acompaña"—.
Mañá, domingo, a apertura de portas do recinto feiral adiántase ás 10 horas, á mesma hora na que principia o Torneo de Xadrez Chess & Cheese. Ao longo de todo o día haberá obradoiros de cata, animación de rúa, maridaxes ou showcooking.
E, como non, pola noite, música. Tres nomes de peso e relevancia no panorama musical galego. A primeira en actuar vai ser MJ Pérez, que presenta en directo Je tiens bon, o seu quinto álbum de estudio. Despois será a quenda de Ialma, que celebra o seu 25º aniversario e reivindica co seu novo espectáculo todas as mulleres e homes que, en calquera lugar do planeta, tiveron que emigrar. Precisamente a emigración é o tema ao que se dedica esta 51 edición da Festa. O alcalde sinalou que Arzúa é tamén "a historia das persoas que tiveron que marchar, do esforzo e do sacrificio que fixeron posíbel o que hoxe somos”. Budiño, un dos artistas galegos máis recoñecidos da música folk contemporánea , será quen poña o ramo aos concertos deste domingo.
"A mellor promoción que ten esta festa é o boca a boca", conclúe Xoán Xesús Carril. "Os que viñeron algunha vez son os que máis animan outros a vir".