Arturo Xosé Pereiro, decano da Facultade de Psicoloxía (USC): "Recorrer á Intelixencia Artificial para atención psicolóxica ten a mesma validez científica que o horóscopo"
Para Arturo Xosé Pereiro (Lugo, 1968), novembro comezou substituíndo María José Sampedro como decano na Facultade de Psicoloxía da USC. Impartiu aulas sete anos en Almería pero o tecido académico da capital galega, onde se licenciou e doutorou, foi o que sempre sentiu propio e para o que planifica sinerxías coa investigación.
—Sempre mantivo o seu vínculo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) malia comezar impartindo aulas fóra.
A de Santiago de Compostela é a miña universidade. É onde me licenciei e, máis tarde, doutorei. Estiven sete anos como profesor da Universidade de Almería, na que logrei a miña primeira titularidade, mais nunca cheguei a perder a ligazón coa USC.
—Desde a súa nova posición, que desafío prima nos obxectivos?
O aproveitamento do Instituto de Psicoloxía (Ipsius). Neste instituto de investigación, os profesionais achegan metodoloxías, técnicas e instrumentos para o estudo interdisciplinar de problemas de saúde mental, procesos e dinámicas psicosociais. O seu capital favorecería ambas as partes artellándose por un lado para a Facultade, coa suma de docentes vencellados, e por outro para o seu labor, aproveitando os recursos internos e o potencial do alumnado.
—Cal é a realidade da saúde mental do estudantado universitario?
Sen ser experto en epidemioloxía, os problemas máis prevalentes entre a xente moza son os do estado anímico e as adiccións a substancias, xogo e tecnoloxías. O sistema de Saúde Pública debería priorizar o estudo dos seus motivantes e dos programas de intervención para neutralizalos ou atenualos. Non vai ser posíbel pór unha psicóloga detrás de cada cidadán, polo que cómpre asemade se esforzar en promover contextos e estilos de vida saudábeis.
—Como afectou a pandemia?
As investigacións apuntan a que a mocidade sufriu os efectos máis adversos. A súa incidencia en problemas de saúde mental foi moito maior, reflectíndose nas taxas de suicidio. A conxunción das peculiaridades de etapas vitais coma a adolescencia e dos patróns de crianza poderían estar detrás do fenómeno.
O actual clima de incerteza nas sociedades occidentais propicia a aparición de problemas psicolóxicos. A resiliencia da gran parte da mocidade que se superpón aos problemas dá valiosas pistas para coñecer onde e como actuar.
—Vemos unha situación igual ou máis preocupante nalgún outro sector poboacional?
As persoas da terceira idade son outro grupo sensíbel. Malia ser máis resilientes, os seus factores de risco aumentan, e destaca un aspecto: a soidade. Cómpre unha revolución social e cultural que aminore a discriminación e o illamento dos maiores.
—E como valora a atención desde a sanidade pública?
A saúde mental foi das últimas en chegar á carteira de servizos e non conta cun desenvolvemento acorde coas necesidades actuais. Malia os esforzos, arrastramos un déficit crónico de profesionais evidenciado nas consultas de dez minutos [de duración] ou no ‘espaciamento’ en exceso ao inicio dos tratamentos. Se buscamos a prevención, o número de profesionais especializados en ámbitos como a educación, o traballo ou os coidados socio-sanitarios debe medrar.
—Pode facerse un oco a intelixencia artificial en consultas que serían materia de terapia?
Actualmente, recorrer a ela é unha mala idea. Malia non coñecer o desenvolvemento futuro, entre as cualidades actuais da IA non está a de facer unha boa intervención psicolóxica. Recorrer á súa consulta ten a mesma validez científica que a proporcionada por un horóscopo.
—Como sería o camiño cara á utopía dun benestar mental xeneralizado?
Provén da crianza desde o afecto, a seguridade, o recoñecemento e a realización persoal. Se o contexto social priva disto ou dificulta a toma de decisións, os problemas emerxen con maior facilidade.
A atención na esfera universitaria
O novo decano de Psicoloxía subliña a “sensibilidade” que mostra a Universidade de Santiago de Compostela (USC) con respecto á saúde mental do seu tecido académico. Vencellado á súa Facultade, destaca o traballo constante realizado por parte das súas “compañeiras da Unidade de Atención Psicolóxica” en canto á atención das demandas de axuda de entre o estudantado. “A unidade de atención ás dificultades de aprendizaxe, a de Psicoxerontoloxía ou a dedicada a adiccións” acompañan esta vertebración da institución en canto ao coidado e a observación do ámbito persoal dos integrantes da comunidade universitaria, di. Estudantes novos e novas, mais tamén “persoas entradas en idade” que poidan estar “preocupadas pola perda de facultades cognitivas” ou busquen planear unha xubilación segura.