Arturo Lezcano 'ispe' a emigración galega a América en 'O país invisible'
A diáspora galega en América volta estes días á actualidade da man do xornalista e escritor Arturo Lezcano, que presenta en diferentes localidades do país a súa última obra, O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega (Libros del K.O., 2025). Nela, e a modo de crónica, tratou de sintetizar nunhas 600 páxinas as experiencias que lle contaron máis de 150 persoas entrevistadas que tiveron como destino países como Arxentina, México, Panamá ou Estados Unidos. O resultado é un traballo que está a espertar emocións, tamén nas propias presentacións do libro.
"É emocionante. Para min é o maior orgullo que teño desde que me propuxen sacar esta obra, en cada presentación acontece algo máxico", explica o ferrolán a Nós Diario. Esta cuarta feira deu a coñecer a obra en Pontevedra, onde voltará mañá, e o sábado estará na Coruña. "Cando se saca este tema hai un efecto espello e aparecen as experiencias que todos temos, é o máis bonito que un pode obter cando conta unha historia que nos conforma como país", sinala.
O escritor recoñece que o libro parte dunha necesidade persoal de mostrar historias que coñeceu de maneira directa após doce anos de traxectoria xornalística nese continente como freelance –"cando aínda non se sabía desa palabra"– e de mergullarse en arquivos. "Percibín a importancia que ten América para Galiza e, sobre todo, Bos Aires. É a mesma que ten Nova York para os irlandeses", asegura. Fala de historias "anónimas", aínda sen contar, "que quedan na familia". Con todo, considera que o seu traballo "é só o dun reporteiro que vai ás fontes e fala coas persoas".
Invisibilidade
Antes de rematar o libro tivo que facer unha escolma "complicada" para reducir o seu tamaño e non publicalo en dous volumes. Tratou entón de deixar as historias "que nos poden representar como país invisíbel". Neste sentido, Lezcano entende que esa "invisibilidade" acontece por varios motivos, entre eles pola acción do réxime franquista e, despois, a través do "branquexamento que fixo [Manuel] Fraga despois de facer a súa primeira viaxe a Cuba".
Porén, é consciente de que, "no máis íntimo, todas as familias temos experiencias con este fenómeno". Neste caso, Lezcano entende que non se trataban "por non ser motivo de orgullo". "Alí estaban as miserias que non se querían mostrar", sostén.
Nesta "invisibilidade" da diáspora galega en América, o xornalista tamén fai autocrítica na responsabilidade que tivo, "e ten", a propia profesión. Pon como exemplo a historia de Juan Calo Chanquete, inmortalizado canda o seu pai na coñecida fotografía que Manuel Ferrol realizou no porto da Coruña en 1957. "Cando falei con el antes de morrer o primeiro que me dixo foi que ningún xornalista lle preguntara pola súa vida, só tiñan interese polo neno", conta Lezcano. Após a súa entrevista descubriu que ese "neno" de oito anos con 15 vai traballar ao Gran Sol e atopa a foto nunha consignataria internacional que non se publicara no Estado español por estar censurada. "Co tempo emigra a Suíza, mais desta vez el leva da man o seu pai", afirma.
Lezcano localizou o lugar da foto, que agora está ocupado por un gran centro comercial. "Non hai nada alí que o lembre, da mesma maneira que tampouco hai un lugar na Galiza onde se explique que aconteceu coa diáspora para recuperar a súa memoria", reproba.