Caderno de Verán

As artes conquistan as rúas

O artista Óscar Ibañez foi o encargado de abrir as festas (Foto: Concello de Poio)
Cada recuncho do municipio de Poio goza co circo, a maxia e o cine, entre outras actividades vinculadas ás artes.

En cada veciña e veciño de Poio hai unha alma verbeneira. Ben se ve ao analizar o programa da acción Reinicia o verán, que está chamado a ser uns dos máis completos a nivel festivo de toda a Galiza. Non fai falla buscar con lupa os eventos porque a cantidade déixase notar á primeira ollada. 

Como forma de premiar o comportamento da poboación pero tamén para atraer xente de fóra que axude á economía da vila, após os efectos do confinamento, o Concello decantouse por reformular as festas tradicionais para que non quede un recuncho do municipio sen unha sesión de circo, maxia, cine ou música. 

A proposta que saíu das concellarías de Festexos e Cultura é moi variada. A axenda empezou a pasar páxinas en xullo co concerto de Óscar Ibáñez, pero agosto é de seguro o mes máis completo. 

Para aquelas galegas e galegos que se resistan a ficar sen festas a pesar de que na súa vila se suspendera todo, Poio é unha boa opción para calquera día. Ademais de facer turismo e acudir a conxuntos paisaxísticos tan atractivos como o de Combarro, as artes escénicas van conquistar as rúas un día si e outro tamén. Hoxe mesmo decorre o festival de Clown Cou no Adro de San Salvador.

E as ocupacións acumúlanse porque mañá hai dúas citas a non perder: o recital da Banda de Música de Meaño (Raxó, 12.30 horas) e a ruada da Batucada Queimatasas

O día 13 vaise proxectar o exitoso filme galego O que arde e é posíbel que haxa sorpresas para as e os asistentes. No almanaque verás algunhas das actividades, pero as celebracións non se despiden o 17 de agosto. O día 20 haberá un concerto da Galiza Mártir; o 21 un recital da Escola de Acordeóns de Camariñas e o 23 a oferta musical d'A banda do verán, todo en Combarro. 

O 23 de agosto o protagonismo será para a cantada de Quico Cadaval e Bea Campos. Incluso se poderá aprender de historia cunha visita o día 26 aos petróglifos de San Salvador, reservando praza no 986770001. O paseo terá até banda sonora. Tanto o 27 como o 29 de agosto haberá concertos, que darán paso a un setembro animado.