A arte de derrubar muros

O galego Sokram creou "Entropías e distopías" no Rexenera Fest deste ano (Foto: Turismo Carballo)
O municipio de Carballo crea unha galería pictórica no rueiro que xa suma 84 pezas. Estas se poden visitar todos os días do ano as 24 horas do día polo que son moi populares entre veciñanza e turismo

Nun tempo no que os museos poden non ser o lugar máis atraente, a área de Turismo do Concello de Carballo ideou unha iniciativa tan sinxela como complicada de levar a cabo: converter a propia vila nunha galería de arte na que tanto a veciñanza como o turismo poidan gozar mentres pasean. Con este interese e a meta paralela de darlle porta ao 'feísmo' provocado pola construción descontrolada durante a bonanza inmobiliaria dos anos 70, pariuse o proxecto Derrubando muros con pintura.

As e os artistas de rúa comezaron a pintar en 2013 para rexenerar o aspecto de “paredes, muros, edificios e espazos deteriorados”. 
“Había unha realidade urbanística e social determinada na vila, que quedou moi afectada pola especulación inmobiliaria dos anos 70”, din fontes de Turismo Carballo, que comandan un plan ambicioso e transversal con outras concellarías.

Os espazos de convivencia quedaron reducidos, había inmóbeis soltos con fincas baleiras ao lado a ladrillo ou formigón visto, edificouse cun escaso control urbanístico e de paisaxismo e Carballo tomou unha imaxe “agresiva” para a cidadanía. 

Mais había que mudar a percepción e o concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, deu coa chave en 2013. Só dous anos despois a iniciativa tiña tan “boa acollida” e medrara tanto que subiu un chanzo lanzando o Rexenera Fest, un festival no que muralistas de prestixio se achegan ao municipio para deixar a súa pegada na esencia da capital da comarca de Bergantiños. 

O evento ten cada vez máis proxección e Derrubando muros con pintura xa é un activo turístico máis para o concello, pois conta con 84 cadros polo rueiro agardando por ti.