"A arte é unha boa maneira de transmitir a conciencia social"

Raquel, Xoana e Miguel [sen Julio]. Imaxe cedida por Cestola na cachola

Xoana, Raquel, Miguel e Julio son as almas de Cestola na Cachola, un colectivo constituído en cooperativa de traballo asociado que mestura arte, ecoloxía e acción social. 

 

Cestola na cachola vén de lanzar a súa web onde dan a coñecer o proxecto e comercializan os seus produtos. Esta cooperativa de traballo defende a súa propia maneira de transmitir que outro sistema é posíbel. "A arte", din, "é a forma na que cremos" para pular por "unha economía social e solidaria".

Que é Cestola na cachola?
Somos unha cooperativa de traballo asociado que acaba de nacer. Somos 4 persoas sociastraballadoras. Encamiñámonos ao fomento do consumo responsábel a través da arte xa que dúas das persoas socias son ilustradoras e veñen traballando neste eido ilustrando libros para crianzas, recuperando muros abandonados, embelecendo fachadas... Para alén disto, queremos introducirnos nunha área máis específica que é a do consumo de roupa e complementos. Porén, máis que mercar cousas novas queremos que a xente poida acceder a prendas recuperadas de maneira atractiva. Queremos desenvolver unha liña de recollida e venda de roupa de segunda man.

Como se pode axitar conciencias desde o pincel?
Nós cremos que sendo moi coherentes no noso traballo. Quer na forma en que o desenvolvemos, a través da fórmula da cooperativa, quer dándolle unha outra volta á forma en que transmitimos as mensaxes, de maneira máis atractiva. A arte é unha boa maneira de transmitir á cidadanía galega a conciencia social e ecolóxica baixo a óptica da economía social e solidaria. Neste senso, queremos apoiar a maneira de comunicar doutros proxectos e iniciativas a través dunha liña de traballo en comunicación socio-artística que desenvolveremos na nosa páxina web mais tamén con asociacións culturais, veciñais e escolas. Tencionamos combinar múltiples accións en rede para difundir que outra economía é posíbel.

"Tencionamos combinar múltiples accións en rede para difundir que outra economía é posíbel"

Serigrafiades prendas de roupa, desde camisolas a calzado, sempre ecolóxicas. É difícil conseguir os tecidos?
Moi difícil. Non polo tecido en si propio, senón porque é moi complexo saber a súa procedencia e coñecer como se produciu o algodón ou onde foi cosido e en que condicións se atopan @s traballador@s. Tivemos mesmo anécdotas. Antes de constituírmonos en cooperativa tentáronnos enganar nalgunha iniciativa que se dicía ética e ecolóxica.

Tamén ilustrades libros e participastes en Desordes creativas recuperando muros urbanos...
Xoana Álvarez e Miguel Peralta son ilustradoras e traballan na parte artística aplicada á acción social. Desordes creativas é un exemplo disto. Trátase de recuperar espazos
públicos e cedidos para transmitir outras ideas. A arte é a forma na que cremos para desenvolver as nosas mensaxes: acreditamos en que pode axudar a dignificar moitos dos aspectos que abrangue este proxecto.

Vin na rede que até destes cor ás árbores...
[Ri] Foi un paseo que deron Xoana e Miguel e que nos apeteceu amosar atendendo á importancia de reivindicar a posibilidade de facer murais ao ar libre e non só en espazos privados. Foi unha experiencia moi curriña que decidimos partillar na rede. Xoana e Miguel gostan de experimentar cos espazos e as texturas. Coido que foi unha serie e que hai bastantes por aí [ri, de novo].

"No noso proxecto a arte serve para provocar"

A 'función d@ artista é violentar' como dicía Glauber Rocha?
Bon, coido que si. Provocar, temos que provocar. No noso proxecto a arte servirá para provocar.

É importante tecer redes?
Nacemos diso. Levamos anos traballando en distintos proxectos. Para nós isto só tiña sentido de maneira cooperativa e combinando con outras iniciativas. Neste senso, para
a constitución da cooperativa apoiáronnos perto de 40 persoas. Para nós iso é moi importante porque houbo quen puxo desde 10 euros até 200.