Remata a misión do 'Ártabro' en Terranova con imaxes do 'Pitanxo' mais sen achar ningún dos corpos

O buque 'Ártabro', de ACSM Shipping, atracado no porto de Vigo antes de partir rumbo a Terranova. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
As tarefas de procura recadaron información que podería ser chave para determinar o sucedido aquela tráxica noite do 15 de febreiro de 2022.

O buque Ártabro, encargado da busca, localización e inspección do pecio do Vila de Pitanxo, concluíu a súa misión sen achar ningún corpo na zona do naufraxio, segundo veñen de informar as familias das vítimas. Desta maneira, o Rov submarino que este pasado sábado confirmou que a estructura metálica atopada no lugar era o Pitanxo volveu baixar ao pecio para realizar as gravacións precisas "o máis perto posíbel", malia que "respectando toda a seguridade". Estas imaxes serán utilizadas como probas na investigación xudicial do caso.

Agora o Ártabro diríxese de novo rumbo á Galiza e está previsto que atraque en Vigo a vindeira segunda feira, día 12. O buque partiu do Porto da cidade olívica o pasado 17 de maio co obxectivo de localizar e inspeccionar o Vila de Pitanxo.

Fue a pasada quinta feira cando se achou unha estrutura metálica que podía ser o barco, confirmándose a noticia este sábado. Todo iso logo da polémica xurdida debido a que o Ártabro partiu por orde do Ministerio de Transportes, mais sen autorización da Audiencia Nacional, órgano que leva o caso.

Por isto, antes de comezar a misión, tivo que recalar en Terranova (Canadá) para recoller dous peritos máis para participar da misión de procura: un designado polo xulgado e outro proposto de forma conxunta polas familias dos mariñeiros falecidos.

Naufraxio e investigación

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 de los 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de averiguar que sucedeu para que afundise o buque, polo que sempre demandaron que se baixe ao pecio para buscar probas.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do barco, Juan Padín, en calidade de imputado, e mais ao seu sobriño Eduardo Rial e o tripulante Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos superviventes do naufraxio.

A investigación xudicial débese a que Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte deles que desencadearían na traxedia. Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu abandonar o Estado español ao patrón, retiroulle o pasaporte e obrigouno a comparecer cada quince días en sede xudicial e estar sempre localizado. Agora, a inspección do barco servirá de proba para o caso.