O buque 'Ártabro' localiza en Terranova a estrutura metálica dun barco que podería ser o 'Vila de Pitanxo'

Un pesqueiro navegando na zona na que afundiu o 'Vila de Pitanxo', en febreiro de 2022, pouco despois do naufraxio. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
As familias das vítimas veñen de informar do recente achado na zona na que afundiu o pesqueiro galego en febreiro de 2022. Agora un robot inspeccionarao e determinará se se trata do 'Pitanxo'.

O buque Ártabro, encargado da misión de procura, localización e inspección do pecio do Vila de Pitanxo, atopou recentemente a estrutura metálica dun barco na mesma zona na que naufragara o pesqueiro galego en febreiro de 2022, segundo veñen de informar os familiares das vítimas. Despois de saír de Vigo o pasado 17 de maio e comezar a operación de busca esta semana, o Ártabro xa localizou o que poderían ser os restos do Pitanxo, se ben aínda haberá que esperar a que se inspeccione cun robot para confirmar a noticia.

Tal como indicou a portavoz das familias, María José de Pazo, trátase dun feito "positivo", malia que aínda non se puido confirmar que sexa o Vila de Pitanxo. "Estamos esperanzados", subliñou, após engadir que os familiares sempre reivindicaron que, coa tecnoloxía axeitada, sería posíbel atopar e inspeccionar o pecio na procura de novas pistas que determinen o sucedido aquela tráxica madrugada do 15 de febreiro do pasado ano.

De Pazo destacou que, de non ser o Pitanxo, o Ártabro continuará coa súa misión até dar co pesqueiro naufragado en augas de Terranova (Canadá). O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de investigar por todos os medios o naufraxio, polo que sempre pediron que se baixe ao pecio para buscar probas.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado; ao seu sobriño, Eduardo Rial, e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. A investigación xudicial débese a que Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Após tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu abandonar o Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar sempre localizado. Agora, a inspección do barco servirá de proba para o caso.