VÍDEO NO INTERIOR

O 'Ártabro' atraca en Vigo após rematar a inspección do 'Vila de Pitanxo' con valiosas imaxes

O 'Ártabro' volveu entrar esta segunda feira na ría de Vigo. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Durante a operación non se achou ningún dos corpos dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio.

O buque Ártabro, da empresa viguesa ACSM Shipping, atracou na mañá desta segunda feira no porto da cidade olívica após concluír a misión de procura, localización e inspección do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, naufragado en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá). Logo de partir precisamente de Vigo o pasado 17 de maio, o barco volveu navegar por augas da ría viguesa contra as 12 horas, cando foi remolcado até o antigo porto de granito, situado en Rande, Redondela.

O Ártabro regresou a Vigo despois de que o Rov submarino que transportaba inspeccionase o pecio do Pitanxo, gravando imaxes dos restos do buque e das súas inmediacións no fondo do océano, sen que se atopase ningún corpo dos mariñeiros aínda desaparecidos. Esas imaxes servirán como probas para a investigación do naufraxio.

Todo iso após a polémica xurdida debido a que o Ártabro partiu por ordes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, mais sen a autorización da Audiencia Nacional, o órgano que leva o caso. Por isto, antes de comezar a misión, tivo que recalar en Terranova (Canadá) para recoller a dous peritos máis: un designado polo xulgado e outro proposto de forma conxunta polas familias dos mariñeiros falecidos.

Tras solucionar esta cuestión comezou a procura do pecio, que foi achado o sábado 3 de xuño, cando comezou a gravarse no fondo do mar. Grazas á boa meteoroloxía, as imaxes obtidas son "nítidas", aínda que a misión foi "complicada", pois o robot podía engancharse co aparello do Pitanxo. Dous días despois, o Ártabro partiu cara a Vigo, onde chegou hoxe mesmo.

A investigación

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu, polo que sempre pediron que se baixase ao pecio para buscar probas. Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado, así como ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Após tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizado. Agora, a inspección do barco servirá de proba para o caso.