Artábria, 18 anos para unha outra Galiza e desde a base

O decano dos centros sociais galegos faise maior de idade. A idea madurada en 1998 nunha xuntanza de 25 persoas no bar 'Grándola' agromou no que é un local consolidado e de referencia en moitos eidos, tamén alén da comarca ferrolá. Falamos con Mauricio e Bruno, dous 'ártabros' de diferentes xeracións.

Artábria existía como asociación desde 1992 mais foi seis anos despois, 1998, cando se produciu o punto de inflexión. “Pensabamos que xa era momento de pasar a outro nivel”, lembra Mauricio Castro, unha das persoas participantes no proxecto desde o inicio. “Debatiamos se impulsar unha escola infantil ou ben un centro social, e ao final foi o centro social”.Tratábase, afirma, “de dotar Ferrol, cidade moi españolizada, dun espazo físico onde poder vivir en galego”. Case dúas décadas despois Bruno, que fai parte da actual directiva da Fundaçom Artábria, explica o que é Artabria case coas mesmas palabras que empregou Mauricio: “un espazo, foco de defensa da lingua e cultura galega nun contexto tan españolizado como é Ferrol”.

“Artábria é como un termómetro desta cidade: cando hai mais activismo, máis movemento, nótase en Artábria. Cando decae, tamén se deixa notar en Artábria”

Unha xuntanza no bar 'Grândola', sito na rúa na que viviu Carvalho Calero, abriu a espita en 1998 a aquel proxecto. “Asistimos 25 persoas”, indica Mauricio Castro, que engade que foi a partir de entón cando comezou a cristalizar o proxecto. Alugouse un local no centro e “montamos o centro social, comezamos a editar o primeiro material, facer as primeiras actividades...” Non existía, na altura, un proxecto similar en Galiza.

Animar a malta

Aos poucos, foise ampliando o abano de actividades que se facían. Constituíuse un grupo de actividades lúdicas (A Revolta), facíanse palestras e debates, recitais de poesía, proxeccións, concertos... Eran os anos na Rúa da Magdalena, antes do traslado ao emprazamento actual, a Rúa Esteiro. No 2000 deuse un pulo importante, co Festival Terra e Lingua, “unha aposta en levar as actividades e o que faciamos fóra do local”, en palabras de Mauricio Castro.

Tratábase de 'animar a malta' que cantaría o Zeca, en torno ao galego e Galiza. E sempre na súa dimensión de lingua internacional, sen complexos. “Queriamos amosar que o reintegracionismo podía chegar máis alá dos reintegracionistas”, aponta Castro, que fai memoria: “Creo que nunca houbo o mínimo problema”, afirma e considera que Artábria axudou en certo xeito a “rachar tópicos sobre o reintegracionismo”.

“Nunca tivemos o mínimo problema por usar o galego reintegrado. Artábria axudou en certo xeito a rachar tópicos sobre o reintegracionismo”

NH

Bruno destaca que a aposta neste modelo de lingua “nunca foi moitivo de división nin enfrontamento”. Aponta que mesmo a xente maior que se apunta a cursos como o de Zumba “non ten ningún problema en que todo estea en reintegrado. Cando non entende algo, pregunta, e xa está”. O único problema que tiveron pola escolla galego-portuguesa foi cun colexio. “Fixemos 5 edicións dun concurso de deseños para crianzas da comarca polo Nadal. Toda a publicidade e bases estaban en galego AGAL e nunca en ningún centro de ensino puxeron un problema agás un”.

'Decano'

Artábria o decano dos centros sociais de Galiza. Os que foron agromando desde aquela levan algo de Artabria dentro? Mauricio Castro, que viveu e tomou parte na súa creación do local ferrolán, é prudente. “Quizás nos primeiros que apareceron despois de nós si que podía haber certa inspiración”, sostén. Mais o importante para el é que a experiencia de espazos para a lingua e cultura agromen por todo o país.

Gañar falantes para o galego

Considera que a gran achega de Artabria é a de que hai persoas “con nomes e apelidos que se fixeron galego-falantes grazas a Artábria, iso para min é o máis valioso”. Recoñece que durante estes 18 anos miles de persoas tomaron parte nas diferentes actividades e iniciativas impulsadas por Artábria, “mais a miña impresión é que en Ferrol non hai unha dinámica favorábel ao galego”, lamenta. “A nosa idea era máis construír que resistir, mais a dinámica semella que obriga a resistir”, engade.

“A nosa idea era máis construír que resistir, mais a dinámica semella que obriga a resistir”

Para Bruno, o reto que saben que teñen por diante e que asumen é “conseguir ampliar a base social galego-falante e non ser un foco de resistencia senón para, por dicilo así, a ofensiva, non só aquí mais en todo o país”.

Termómetro

Mauricio e Bruno, cos que falamos por separado, coinciden tamén en que Artabria ten vontade desde o inicio de ser parte do tecido de movementos sociais da comarca. “Na medida das nosas posibilidades estamos aí, como por exemplo ultimamente en iniciativas como a de Remunicipalización da auga ou a tarifa eléctrica galega”, salienta Bruno. “Artábria é como un termómetro desta cidade: cando hai mais activismo, máis movemento, iso nótase en Artábria. Cando decae, tamén se deixa notar en Artábria”, di Mauricio. Para Bruno, nótase que na cidade houbo un “baixón” mobilizador importante nestes meses. Mauri tamén fai referencia a esa situación, mais esténdea a toda Galiza.

Porén, non hai 'baixón' en Artabria, cunhas semanas repletas de actividades e propostas co gallo de celebrar por todo o alto o 18 aniversario. Un dinamismo e compromiso que pensan manter, como mínimo, outros 18 anos. E por que seguir? Pois por xesmplos como Aitana, que nos conta Mauricio Castro. “Unha rapaza do centrode Ferrol, falante de español e, de comezar a vir a tomar o café a Artábria, aos poucos, foi animándose e hoxe é orgullosa galego falante”. Aitana non é un caso isolado, lembra. Por iso poaga a pena continuar 18 anos máis.

Todas as imaxes, da Fundaçom Artábria