Sorpresa na comunidade educativa polo comezo sen aviso da vacinación do profesorado

Vacinación (Foto: Área Sanitaria de Santiago)
Comezou a vacinación aos maiores de 80 anos e principia tamén entre o profesorado.

Comeza o proceso de vacinación entre o profesorado. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Nuñéz Feixoo, avanzou na rolda de prensa que este grupo será inoculado de forma paralela aos maiores de 80 anos, mais recibirán as doses de AstraZeneca, para menores de 55 anos.

O anuncio colleu por sorpresa a comunidade educativa. A pesar de que agradece que comece o proceso, sindicatos como a CIG e ANPE amosaron onte a súa preocupación tanto pola organización como pola tardanza. Así, o sindicato nacionalista censurou o "total desprezo" aos corpos docentes ante este "inesperado" proceso "sen sequera comunicalo ás organizacións sindicais", que descoñecen os criterios, os prazos e o sistema que levará a cabo.

O sindicato denunciou que na mañá de onte profesores de diferentes centros e zonas da Galiza recibiron citacións a través de SMS sen coñecerse previamente o plan, o que tachou de "un claro exemplo de desorganización total e absoluta". A CIG advirte de que estas citacións están a realizarse con independencia da idade e sen ter en conta a atención dos centros de traballo e do propio alumnado, o que creará "situacións de difícil xestión" e con avisos "de 24 horas de antelación".

ANPE lamentou que o proceso arrincase "moito antes", e incidiu especialmente en que esta fase non inclúa a maiores de 55 anos, que "constitúen un número importante de docentes". Así mesmo, instou a vacinar "todo o profesorado clasificado como especialmente vulnerábel".

Esténdese a vacinación a maiores de 80 anos

Mentres tanto, o Sergas comezou a vacinar as máis de 200.000 persoas maiores de 80 anos na Galiza. A Consellaría de Sanidade non puido cuantificar a cifra de doses que utilizarán no inicio da vacinación deste grupo porque “dependerá dos envíos comprometidos polo Goberno estatal”.

O proceso levarase a cabo con dúas doses de Pfizer e prolongarase até a “primeira semana de maio”, aseguran.

Os puntos de inoculación situaranse nos centros de saúde das sete grandes cidades galegas e nos centros de cabeceira ou Puntos de Atención Continua (PAC) fóra delas. O Sergas informa que garantirá a inoculación a quen non poida saír da casa.