Principia a vacinación do profesorado entre denuncias de "descoordinación"

Imaxe de arquivo dunha vacinación (Foto: Arxina).

O Sergas citará os docentes por orde alfabética e priorizará os de educación Infantil. Sanidade prevé que todos os docentes menores de 55 anos estean vacinados a finais de marzo. Desde a CIG alertan que "a descoordinación é nestes momentos a tónica xeral no comezo da vacinación do profesorado".

 

Todos os profesores e profesoras menores de 55 anos estarán vacinados a finais do próximo mes de marzo. É o obxectivo do plan de vacinación dos docentes presentado esta terza feira pola Consellería de  Sanidade, co que se busca dar saída canto antes ás doses dispoñíbeis da vacina de 'AstraZeneca', segundo os parámetros fixados polo Consello Interterritorial de Saúde e a propia Xunta.

O proceso, que abarcará perto de 50.000 profesoras e profesores galegos, programará as citacións por orde alfabética e priorizará ás etapas que, polas características da modalidade de ensino, manteñan unha interacción máis estreita co alumnado.

Deste modo, segundo explicou o titular de  Sanidade, Julio García  Comesaña, a intención é empezar cos mestres "dos máis pequenos", en educación Infantil, e posteriormente vacinar en paralelo os docentes de Primaria e Secundaria.

A vacinación a profesores será por orde alfabética para non alterar a docencia.

O vindeiro sábado iniciarase o cribado da poboación estudantil das tres universidades galegas

Porén, desde a CIG alertan que "a descoordinación é nestes momentos a tónica xeral no comezo da vacinación do profesorado. Mentres os conselleiros de Sanidade e Educación afirman que só se vacinan menores de 55 anos, hai docentes maiores desa idade que xa están neste momento vacinados coa 1ª dose".

Ademais, o deputado do BNG responsábel de educación, Manuel Lourenzo, vén de denunciar "o caos que se está a producir nos primeiros días de vacinación do profesorado no hospital Montecelo", con “dúcias de ensinantes amoreados e un mecanismo de vacinación nos que se mesturan maiores e menores de 55 anos sen nengún tipo de criterio, e que contradí as propias mensaxes da consellaría de Educación”