Arrinca o xuízo contra a canteira ilegal que extraeu cuarcita para a Cidade da Cultura

A fiscalía considera que os danos causados na Serra do Xistral son "críticos e imposíbeis de reparar". A denuncia partiu de Adega e a empresa está vinculada á familia do ex alcalde de Ortigueira Antonio Campo (PP)


Seis anos despois de que a asociación ecoloxista Adega denunciara a actividade dunha canteira ilegal no concello de Muras vinculada á familia do ex-alcalde de Ortigueira Antonio Campo (PP), os "danos graves e críticos" ocasionados nunha zona protexida da serra do Xistral durante a extracción da cuarcita que recobre os edificios da Cidade da Cultura sentarán esta cuarta feira no banco d@s acusad@s.

A Audiencia provincial de Lugo enxuíza dous socios de Pedra Natural de Muras S.L. e o director facultativo da obra polo que a fiscalía considera un dano ecolóxico "imposíbel de reparar".

Antecedentes

En agosto de 2007 Adega interpuxo unha denuncia contra a explotación mineira Angelita, promovida por Epifanio Campo --irmán do ex rexedor de Ortigueira-- após unha resolución da Xunta ditada en 2006 en que se lle exixía a paralización inmediata da actividade ao non contar nin con autorización nacional nin con licenza municipal.

Para alén disto, as máquinas saíronse das zonas de explotación delimitadas na Declaración de Impacto Ambiental que lle concedera en 2003 a Administración Fraga, invadindo terreos do LIC (Lugar de interese comunitario) Serra do Xistral no que estaba constatada a presenza de hábitats prioritarios. Da mina Angelita saíu a cuarcita con que se recubriron os edificios do complexo 'cultural' que se ergueu no monte Gaiás.

Malia carecer de permisos, en 2003 foille adxudicado o contrato para suministrar o mineral por un total de 6,6 millóns de euros: a licitación non se publicou en diarios oficiais e unicamente se presentaron dúas ofertas, unha das cales foi rexeitada porque non entregou a tempo a documentación requerida.

Adega sostén tamén que Pedra Natural de Muras vendeu unha partida de cuarcita para recubrir a residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío, construída durante o mandato de Fraga.