Os reitores exixen revisar o financiamento no inicio dun curso marcado pola irrupción da universidade privada

Acto de benvida ao novo curso académico, nunha das sedes da USC en Compostela. (Foto: David Cabezón / Xunta)
Antonio López (USC) pide "garantir que a cidadanía poida alcanzar a formación e os resultados acordes coas súas capacidades, con independencia de cal sexa a súa condición social, económica ou familiar".

O curso universitario arrincou nesta sexta feira cun acto decorrido no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, un exercicio no que o sistema galego estrea novas titulacións e que afronta con "notábel preocupación" polo actual escenario económico.

Precisamente en relación con esta situación, motivada entre outras cuestións polo mercado enerxético, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, solicitou unha reunión sobre o Plan de financiamento, tendo en conta que existe "un aumento dos custos de persoal como consecuencia dos efectos da estruturalización da investigación, e un incremento absolutamente imprevisíbel dos gastos correntes polos efectos da guerra".

Estas cuestións, advertiu, requiren dunha reunión da comisión de seguimento do plan "de cara á concreción da evolución das diferentes partidas do mesmo neste escenario de excepción". No seu discurso, López reivindicou a universidade pública como "ascensor social e esencial", mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chamou a "apontoar" o sistema.

López reivindicou a universidade pública como "ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria"

"Será o ano para seguir avanzando cara a unha universidade con mellores dotacións, máis conectada á empresa e máis internacionalizada", destacou Rueda, quen enxalzou na súa intervención valores como "razón, tolerancia e europeísmo" que, dixo, están presentes tanto na universidade como no fenómeno Xacobeo.

Para o reitor da USC, aliás, é preciso "garantir que a cidadanía poida alcanzar a formación e os resultados acordes coas súas capacidades, con independencia de cal sexa a súa condición social, económica ou familiar". Neste senso, deu a benvida á Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada da Galiza e que este ano inicia a súa actividade, á que ofreceu "toda a colaboración institucional precisa".

O paseo da comitiva académica de profesorado togado entre os colexios de San Xerome e Fonseca pola rúa do Franco abriu a inauguración do curso 2022-23 nas universidades galegas. Reivindicando o rol de USC, UDC e UVigo como "ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria", Antonio López referiuse a novidades e retos de futuro xunto aos seus homólogos da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e da de Vigo, Manuel Reigosa.

Os reitores foron integrantes da mesa presidencial xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os presidentes dos Consellos Sociais da USC e da UVigo, Cecilia Sierra Rei e Ernesto Pedrosa Silva. O acto comezou coa conferencia 'Información, comunicación e historia', a conta do catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo Barrera.

Protesta no exterior

Ás portas de Fonseca, persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar —actualmente en folga— e investigadores e investigadoras da USC aproveitaron para trasladar as súas protestas, ao denunciar "precariedade" nos seus postos de traballo e exixir unha negociación coa Xunta polas súas condicións laborais.