Arranca o novo protocolo Covid cando aínda non o recibiron todos os centros de saúde

Centro de saúde de Maceda (Foto: Europa Press).
Profesionais da Atención Primaria denuncian a tardanza da Consellaría de Sanidade en achegarlles o novo protocolo de vixilancia Covid. A estratexia fíxose pública a semana pasada, mais o persoal sanitario aínda non dispón dos detalles para poder aplicala.

Desde hoxe, a Galiza asume a nova estratexia de vixilancia e control do coronavirus após superar a "fase aguda" da pandemia.

O novo protocolo deuse a coñecer a semana pasada. Tamén a data na que entraría en fucionamento. Mais nas primeiras horas deste 28 de marzo, profesionais de Atención Primaria advirten que aínda non dispoñen do documento oficial da Consellaría de Sanidade para informar os seus pacientes dos detalles do novo procedemento.

Sen noticias concretas da nova estratexia polas canles oficiais, o persoal sanitario mantén en vigor o protocolo anterior, que aínda recomenda o estudo de casos e contactos para o conxunto da poboación e non só entre aqueles casos confirmados que estean relacionados con ámbitos ou grupos vulnerábeis.

Na práctica, o inicio da "etapa de transición" en canto á "vixilancia e control" da Covid, anunciada a semana pasada pola Dirección Xeral de Saúde Pública atrásase até a recepción dos protocolos en todos os centros de saúde da Galiza.

Seguimento Covid

Chegado o momento, en todo o territorio, como no resto do estado inicarase unha nova vixilancia centrada especialmente nos ámbitos vulnerábeis: centros sanitarios asistenciais; centros sociosanitarios —residencias de maiores, centros de día e de discapacidade— e centros con persoas institucionalizadas —centros penais—.

En concreto, a Galiza centrará a súa especial vixilancia nesta nova estratexia nas persoas maiores de 60 anos, no grupo de xente con condicións de alto risco —grupo 7 da estratexia de vacinación que inclúe os inmunodeprimidos— e as embarazadas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán puntualizou que só as persoas deses tres grupos —maiores de 60, embarazadas e inmunodeprimidos— se someterán á proba de confirmación da Covid en caso de ter síntomas.

Ademais, o estudo de contactos de casos de Covid incluirá persoas relacionadas con eses grupos vulnerábeis, como as que residen ou acoden como usuarias frecuentes ou están ingresadas nun ámbito vulnerábel; que traballen na atención directa a persoas nun ámbito de vulnerabilidade e traballadores que prestan apoio e coidados a outras vulnerábeis, como o persoal de axuda no fogar.

Casos sospeitosos

O novo protocolo estabelece como caso sospeitoso a persoa con clínica compatíbel ou con resultado positivo nun test de autodiagnose, para quen se recomenda extremar as precaucións até pasados os 10 días do inicio dos síntomas, ficar no domicilio até que melloren os síntomas, usar máscara e manter a distancia de seguridade, evitar contacto con persoas vulnerábeis ou acudir a ámbitos vulnerábeis, reducir as interaccións sociais, lavar as mans con frecuencia e informar os seus contactos estreitos.