Arranca a Feira do Viño de Chantada con 16 adegas e numerosos actos

40 edición da Feira do Viño de Chantada (Foto: Concello de Chantada).

A XXXI edición alóngase desde a sexta feira até o domingo cun variado programa

A XXXI edición da Feira do Viño de Chantada (A Ribeira Sacra) arrancou onte coa apertura do recinto feiral que xunta este ano 16 adegueiras e adegueiros da comarca. O evento, que se alongará até o domingo, abre a tempada de feiras vitivinícolas na zona, destacando, máis unha vez, polo seu amplo programa de actos.

A xornada de hoxe vén cargada de actuacións musicais, coa presenza, entre outros, do Grupo de Zanfonas da Tradescola de Lugo, da Banda de Música de Chantada, do conxunto de música popular Searas ou das actuacións das orquestras Solara e Compostela. Porén, o prato forte da xornada será a cata popular de viños na carpa das adegas.

Os actos de maña arrancarán coa cata oficial da Feira do Viño de Chantada, que terá continuidade ás 13 horas co pregón desta nova edición do evento, que correrá a cargo da escritora Fina Casalderrey,. Ao remate da intervención, decorrerá a entrega dos premios aos mellores viños da feira. A xornada rematará coas actuacións musicais das charangas NBA e Louband así como da orquestra Saudade.

O encontro volverá acoller a Feira de Oportunidades e a Mostra de Produtos de Artesanía, organizadas pola Asociación de Empresarios de Chantada, así como un túnel do viño durante a mañá e a tarde do sábado e do domingo, cun custo de 10 euros por participante.

Unha 'homenaxe' ao viño

O alcalde de Chantada, Manuel Varela, presentou o evento como “unha homenaxe ao viño e ao traballo de viticultores e adegueiros”. Na mesma dirección, destacou que “sen as adegas, non habería Feira do Viño de Chantada” e agradeceu o esforzo de todas aquelas persoas que co seu traballo fan posíbel a feira.