Arranca o curso nas universidades sen a presencialidade asegurada

Imaxe aérea dunha parte do campus de Lugo (usc.gal)

Cada un dos tres centros galegos conta cun plan de continxencia e utilizará fórmulas telemáticas cando non se poidan cumprir as distancias de seguridade.

As universidades galegas abren as portas dos seus campus na segunda feira, 21 de setembro, para miles de alumnos, tras un proceso de adaptación de todas as instalacións co obxectivo de lograr a máxima presencialidade posíbel na docencia ao tempo que se garanten as condicións de seguridade e o cumprimento das directrices sanitarias ante a Covid-19.

As tres institucións académicas parten dunha base similar: cada unha elaborou un documento con recomendacións e onde se prevén medidas de continxencia para adaptar a docencia en función da evolución epidemiolóxica. A partir de aí, cada centro fixo a súa planificación para adaptar estas directrices ás súas particularidades.

Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago (USC) recolle tres escenarios posíbeis no seu protocolo. O primeiro que suscita sería o dunha normalidade sen restricións á presencialidade, tanto nas aulas, nas titorías como nas probas finais. Esta poderíase compatibilizar con 10% das horas nunha materia de modalidade 'virtual' "de modo excepcional e debidamente xustificado". Tamén se recomendan quendas de rotación máis curtas nos grupos de prácticas e recoñécese a posibilidade de facelas online sempre que impliquen o uso de mecanismos telemáticos.

No segundo caso, de restricións parciais, a docencia sería total ou parcialmente virtual combinada coa física, e titorías e exames serían a distancia, aínda que tamén se recomenda anticipar os contidos das aulas prácticas. Finalmente, ante un fechamento de instalacións pola situación sanitaria, as aulas impartiríanse plenamente de modo virtual e os centros terán que adaptar as prácticas a esta modalidade.

A USC emitiu recentemente unha resolución para adaptar a forma en que arrancará o curso nos campus de Compostela e de Lugo: a norma xeral será a docencia presencial, aínda que haberá casos en que esta se combinará cunha fórmula semipresencial ou telemática cando non se poida cumprir a distancia interpersoal de 1,5 metros na aula.

Esta cuestión dependerá das circunstancias de cada titulación e de cada centro, que á súa vez elaboraron plans de continxencia de seu e de adaptación das directrices xerais elaboradas pola USC ás súas características e particularidades. Tamén se recomendou fomentar fórmulas de avaliación continua.

Universidade de Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) dará prioridade á presencialidade en todos os centros, aínda que o modelo será híbrido (expositiva virtual e prácticas presenciais) en función dos espazos e do número de estudantes.

Cada facultade adaptou e reorganizou os seus espazos para que as aulas se preparen para acolleren o alumnado e se respecte os 1,5 metros de de distancia interpersoal, con roteiros de entrada e de saída, circuítos de circulación polos centros, medidas de ventilación, sanitarias e de hixiene.

A UDC habilitou unha web con todos os documentos e instrucións xerais e específicas, que están suxeitos a revisión en función da evolución da pandemia, e avanzou a posta en marcha dun número de teléfono de atención ao alumnado que será o punto de referencia para a resolución de dúbidas.

Todos os centros terán documentación elaborada polo Servizo de Prevención de Riscos con información e procedementos ante un posíbel contaxio. En caso de que sexa un docente, este será substituído por outro da súa mesma área.

A teleformación realizarase a través dun novo Moodel [ferramenta de software para a xestión da aprendizaxe] de uso obrigatorio para todos os docentes, o sistema Teams [colaborativo e de comunicación interna] e unha actualización da app da UDC para que sirva de canle de comunicación rápida entre cada centro co seu alumnado.

Outra das iniciativas que contempla a universidade coruñesa será a realización de test serolóxicos, no caso da UDC; ou probas PCR ao persoal laboral da institución, tanto docente como de administración e servizos.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo (UVigo) informou de que se realizarán 200 PCR semanais, coa intención de os manter durante todo o curso. Estes poderanse estender tanto ao alumnado como ao persoal laboral en función da situación epidemiolóxica detectada.

A Uvigo realizou actuacións para permitir o mantemento da distancia de seguridade en espazos da institución, como a ampliación de aulas, o control de posíbeis casos da Covid-19 ou a instalación de códigos identificativos de salas, mediante un sistema QR, para facilitar o rastrexo de casos.

A institución académica programou o curso segundo os hipotéticos escenarios, cun protocolo adaptado a cada centro e a dispoñibilidade do Campus Integra para contar con modelos de docencia mixta e telemática. Case 30% dos graos serían 100% presencias, mentres que o resto recorrerán a modelos de semipresencialidade.

En función da evolución da pandemia, poderíase permitir que parte do alumnado asistise ás aulas e outra parte seguise as clases a distancia telematicamente.