Arranca a campaña da gripe coa vacinación do persoal sanitario

O 14 de outubro comeza a campaña de vacinación da gripe na Galiza.
No inicio da campaña antigripal, CIG-Saúde alerta da necesidade de adoptar medidas eventuais ante a previsíbel falta de persoal en Atención Primaria no mes de decembro, coincidindo coa vaga de gripe.

O 14 de outubro comeza a campaña xeral de vacinación da gripe, que se vai prolongar até o día 27 do mes de Nadal. Con todo, desde esta segunda feira, o persoal do Sergas máis as profesionais sanitarias dos hospitais privados xa poden solicitar a súa dose co fin de se protexer e evitar contaxios innecesarios antes do inicio oficial do programa.

Sanidade adquiriu esta ano 615.000 doses de vacinas antigripais, 7.000 máis que en 2018. Galiza será o primeiro territorio do Estado en administrar a vacina tetravalente celular de xeito diferencial a persoas con factores de risco de entre 15 e 64 anos.

Novos grupos diana

Ademais deste grupo, a campaña de 2019 amplía a poboación diana coa incorporación das crianzas de entre seis meses e dous anos que naceron con menos de 32 semanas de xestación e das persoas con trastornos de coagulación.

Como cada ano, ofrécese de forma gratuíta a todas as persoas maiores de 60 anos, persoas residentes en institucións fechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, e nenas e adolescentes con tratamentos prolongados con ácido acetilsalicílico.

Desde o servizo de Información sobre Saúde e Epidemioloxía do Sergas esperan acadar unha cobertura de 65% tras a mellora rexistrada o ano pasado especialmente no grupo de embarazadas e de persoal sanitario.

Planificación da cobertura de ausencias

Coincidindo co inicio da campaña de vacinación da gripe CIG-Saúde alerta o Sergas da necesidade de planificar medidas eventuais ante a previsíbel falta de persoal en Atención Primaria no mes de decembro.

O sindicato exixe a convocatoria inmediata dunha comisión técnica en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) co fin de prever as ausencias de persoal por vacacións e días libres e programar os recursos humanos máis de asistencia indispensábeis para cubrir a temporada de gripe.

Neste sentido, CIG-Saúde propón “a oferta dun contrato continuado de afectación a todos os colectivos para a cobertura de ausencias desde o 1 de decembro até que descenda a vaga de gripe”. De non haber persoal abondo nalgún colectivo, considera “que se debería ofertar a prolongación de xornada”, ademais de asegurar a retribución de nocturnidade e festividade nas ofertas de traballo nos Puntos de Atención Continuada, de non fechar as axendas e de evitar a intersubstitución”, unha práctica que obriga as profesionais a atender a súa propia cota de doentes máis o dun compañeiro ausente durante a súa xornada de traballo.