Arquivan a causa contra o alcalde de Barreiros por irregularidades en 44 licenzas de obra

Adega presenta perante o Consello xeral do poder xudicial un recurso contra a resolución de sobreseimento provisional da causa que implicaba o rexedor (PP), a arquitecta municipal e a Xunta de goberno en 2006. Recordan as responsabilidades políticas "en xogo" e reclaman imparcialidade

 

A asociación ecoloxista Adega presentará un recurso de reforma en contra da resolución do xulgado de Instrución nº1 de Mondoñedo en que acorda arquivar a causa contra o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP), polas irregularidades na concesión dunhas licenzas de obra que se lle atribuíron ao rexedor, á arquitecta municipal, Marta Geada, e á xunta de goberno local de 2006.

De maneira concreta, foi a Axencia pola legalidade urbanística --APLU-- quen interpuxera a demanda ao apreciar indicios de prevaricación no procedemento polo que se outorgaron até 44 permisos para a construción de 3.100 vivendas nesta localidade da Mariña lucense. Valorou Daniel López Vispo, que fai parte da executiva do colectivo ecoloxista, que o auto en que se decreta o sobreseimento provisional desta causa "carece de motivacións", a pesares dun expediente "de miles de folios" e de lle tomar declaración a ducias de testemuñas.

"Non queda claro se existen as irregularidades" denunciadas polo Ministerio fiscal, e anunciou que Adega presentará ese recurso de reforma perante o Consello xeral do poder xudicial para que se revise a decisión tomada polo xulgado mindoniense e reclamando "que garanta a independencia dos xuíces contra da intromisión do poder político".

O xuíz á fronte da Instrución, Manuel Castro Calvo, leva no cargo desde xuño de 2011. Resolveu sobreseer a causa após tres anos da denuncia da APLU, e fíxoo nun auto que non ocupa un folio. "En lugar de investigar a comisión doutros posibles delitos contra a facenda pública ou delitos de suborno e tráfico de influencias", quéixase Adega de que o xuíz Castro Calvo se limite a decretar "que non encontra indicios de delito de prevaricación urbanística e contra a ordenación do territorio".

O colectivo ecoloxista recorda que, para alén das responsabilidades xudiciais, desde un punto de vista político "xógase moito máis que a inculpación da arquitecta, da Comisión de goberno e do Concello de Barreiros", e citan de maneira específica "os intereses económicos de bancos e caixas" que anticiparon diñeiro para a "irracional explosión urbanística" neste municipio; e "o futuro" do plan sectorial promovido pola Xunta do PP "para unhas obras ilegais".
 

  • O Concello de Santiago cobra a taxa do lixo nos fogares que fan compostaxe

Por outra banda, o goberno de Compostela, rexentado por Ángel Currás (PP), vén de confirmar que "por falta de persoal" non se está a aplicar a rebaixa do 50% no recibo do lixo ás 506 familias que contan cun composteiro nas súas vivendas e que, por conseguinte, reciclan máis da metade dos residuos orgánicos que producen.

Sinala Adega nun comunicado de prensa que estes fogares aforran até 36.179 euros ao ano ao concello. Para alén das dificultades que quen dispón dun composteiro atopa para facer efectiva a redución da súa factura --teñen que renovar anualmente a solicitude de redución e despois o concello debe comunicarllo á concesionaria, Aquagest, que é quen factura--, nestes intres a bonificación á que teñen dereito non se está a aplicar. Segundo explicou o concelleiro delegado de lixo e limpeza, Juan de la Fuente, en resposta ao BNG, "a comprobación de uso dos composteiros é realizada por un só funcionario, o que fai que sexa insuficiente".