ACUSáRANA DE FALTARLLE AO RESPECTO á POLICíA

Arquivada a sanción contra a preferentista que publicara un comentario en Facebook

Unha manifestación de preferentistas

Yolanda Viñas, a preferentista multada por un comentario publicado no seu perfil de Facebook, non será sancionada. Arquívase así este caso que estaba amparado pola Lei Mordaza aprobada polo PP.

A preferentista Yolanda Viñas vén de recibir unha notificación da Subdelegación do Goberno na que se lle informa do arquivo da sanción por non seren ratificados polos axentes denunciantes os feitos imputados. A afectada fora sancionada cunha multa de 300 euros pola propia Subdelegación –amparándose na Lei Mordaza do PP- após publicar un comentario no seu perfil de Facebook.

Tras recibir o aviso de multa, Yolanda Viñas presentara unha reclamación na que alegaba o dereito á liberdade de expresión no seu perfil persoal de Facebook. Nesta rede social, relatara un caso de represión sufrido polo colectivo de preferentistas no Concello de Tui.

Falta de respecto ás forzas e corpos de seguridade

Na notificación recibida en xaneiro, Subdelegación do Goberno acusaba Yolanda Viñas de “falta de respeto y consideración a los miembros de Fuerzas y Cuerpos de Seguridad, al verter en su muro de Facebook descalificaciones hacía la Policía Local tales como "podedes botar a man as vosas partes e axitar enérxicamente como fixo algún de vos diante dos nosos vellos..." "ou e que non sabiades xa si as tiñades na bragueta ou no gorxa" "podedes collelos polo peito e mándalos para corte como tamén fixéstedes eos avós..." "podedes poñerlle un xeonllo na cabeza contra o chan como fixéstedes con Lois Baulo, un rapaz cunha gravísima discapacidade psíquica pero non violento que só pediu ir ó baño" "nos gañamos 44 xuizos aínda que fostes mentir ó xulgado...", hechos comprobados en las dependencias de la Policía Local de Tui, Tui (Pontevedra), a la 20:45 horas del día 08/12/2015”.

Con esta xa son máis de 50 as sancións só na comarca do Baixo Miño –por valor de máis de 20.000 euros- que foron recorridas perante o Contencioso Administrativo e que concluíron cunha resposta favorábel ás persoas preferentistas. O caso de Yolanda Viña era significativo na medida en que se trataba do primeiro caso de sanción a unha preferentista por expresar a súa opinión nunha rede social.