Pecha o ciclo de 'Xeografía, memoria e capital cívico'

O arquitecto Kike España diserta na Coruña sobre as novas formas do urbano

Fundación Luís Seoane. Foto: cedida.

“A depredación xeográfica que supoñen os procesos urbanísticos da sociedade capitalista, desde a industrialización, colonizou o mundo”. A partir desta idea, o arquitecto andaluz Kike España falará esta tarde (19.30 h) na Fundación Luís Seoane da Coruña sobre “ocupacións permanentes de edificios, ocupacións temporais do espazo público a través de asembleas” ou da “colonización turística”.

España, ademais de arquitecto, activista e investigador urbano, titula a súa conferencia -esta tarde ás sete e media do serán- A disolución da cidade. O urbano como territorio de invención e autoorganización. Vencellado aos procesos sociais derivados das prácticas do 15M, España aposta por “reiventar o fenómeno urbano para que pase a estar ao servizo dos seus habitantes”. E fai referencia a exercer “o dereito á cidade” -segundo as teses do urbanista marxista Henri Lefebvre- e apoiar “novas prácticas de reapropiación de solares baleiros, edificios abandonados ou terreos ermos”.

 

O arquitecto, cuxa intervención na Fundación Seoane pechará o ciclo de conferencias do “proxecto artístico social” Xeografía, memoria e capital cívico, tamén porá o foco na “recuperación de servizos públicos, redes de apoio, e novas formas de sindicalismo social” e en “experiencias fundamentais” para “contrarrestar os procesos de secuestro do espazo no proxecto neoliberal actual”.

 

O proxecto en que se intregran as xornadas que rematan este serán coa conferencia do arquitecto Kike España foi comisariado por Juan de Nieves e Pablo Fanego. Promóveo a Concellaría de Cultura, Deportes e Coñecemento da Coruña.