Docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo

Armesto e Picos: "A tecnoloxía Lidar permite a reconstrución dixital da xeometría dunha masa forestal"

Os docentes Julia Armesto e Juan Picos son dous dos integrantes do equipo do estudo. (Foto: Nós Diario)
A revista científica Remote sensing publicou recentemente un artigo redactado por Julia Armesto e Laura Alonso, da Escola da Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo). O traballo recollía os resultados do emprego da tecnoloxía Lidar para medir masas forestais constituídas por árbores frondosas. A experiencia levouse a cabo nun eucaliptal do concello de Vimianzo, nun traballo do que formaron parte tamén Juan Picos, director da escola, e os investigadores Guillermo Vázquez e Daniel Míguez.

Poderían explicar de modo sinxelo en que consiste a tecnoloxía Lidar?

É un sistema de medición baseado en tecnoloxía láser. Mediante ese feixe de luz do que se trata é de facer unha medición durante o tempo de voo dun dron, é dicir, o tempo que tarda o sinal láser en ir e volver. Con base niso obtemos as coordenadas tridimensionais, xyz, por punto.

A videoloxía hoxe en día permite medir milleiros e millóns de puntos de forma moi rápida e moi eficaz e desa maneira podemos adquirir todas as coordenadas xyz que precisemos e, levadas ao noso software de visualización, iso permítenos reconstruír dixitalmente a xeometría dunha contorna.

Unha das fortalezas da tecnoloxía Lidar, diante doutras técnicas de medición, é que o feixe de luz penetra entre as follas do arborado e podemos coñecer posicións de todo o que hai por debaixo da copa, do principal que veríamos se fósemos a bordo dun avión. Así, facemos unha radiografía tridimensional de todos os espazos vexetais chaves: as copas e a parte inferior ás copas, o sotobosque e o chan. Podemos facer unha reconstrución tridimensional de toda a estrutura vertical cunha masa forestal.

Cal é a vantaxe, a utilidade práctica, desta tecnoloxía?

A principal é que nos permite individualizar, medir separadamente cada árbore, é dicir, non só debuxalo, reconstruílo nun espazo dixital, senón recoñecer árbore a árbore e caracterizala xeometricamente, coñecer a súa posición e, por exemplo,  a súa altura, que é unha variábel forestal de moito interese.

As variábeis forestais, como a posición e as dimensións, a altura total que ten a árbore ou o diámetro de copa, por exemplo, son de grande interese, variábeis que teñen moita relevancia para coñecer a densidade de plantación, para coñecer as alturas...

O traballo realizouse con eucaliptos, mais está pensado para frondosas.

Testouse en eucaliptos, pero para, se cabe, traspor a metodoloxía a outras masas. Hai metodoloxías desenvoltas en masas de coníferas, noutros países, e nese caso a xeometría é máis fácil porque teñen un ápice moi marcado respecto do resto de puntos que conforman a copa, así que digamos que é máis sinxelo individualizalas.

Estes traballos adoitan facerse en Canadá e noutros países nórdicos que teñen unha predominancia de coníferas e con esta tecnoloxía unicamente precisan contar as puntas das árbores e xa están individualizadas...

No caso das frondosas a ramificación fai que as copas sexan moito máis redondas e máis difíciles de singularizar, por iso a razón do noso estudo. O que teñen as frondosas, entre elas o eucalipto, é que o seu ápice non está tan marcado e, por tanto, é máis difícil singularizalas. Mais podería desenvolverse noutra tipoloxía de masa perfectamente.

Oriéntase o estudo á industria de explotación da madeira, por exemplo?  

Sería unha cuestión posterior a partir do número de existencias. Primeiro hai que coñecer as masas. O noso estudo ten como finalidade analizar a xeometría, en que medida iso se traduce a metros cúbicos de madeira é algo que se pode propor, mais que xa é unha cuestión que require outro estudo.

O noso tiña por obxecto facer unha caracterización xeométrica das árbores, de modo individual, dunha forma que non estaba até agora ao alcance máis que transitando polo medio da masa forestal... Podemos medir todas as árbores que hai nunha parcela, por exemplo, e inferir o volume de cada unha, coñecer o total...