aRi[t]mar premia a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado como Embaixada da Amizade Galego-Lusófona

Concerto de Jose Afonso en Ponteareas (Foto: SCD Condado).
O galardón entrégase todos os anos a aquela persoa, agrupación ou entidade que teña demostrado un gran compromiso coa construción de pontes culturais entre a Galiza e a Lusofonía.

O xurado dos premios aRi[t]mar da música e da poesía galego-portuguesa vén de decidir que a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado será a entidade recoñecida co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona na próxima edición da gala.

O galardón entrégase todos os anos a aquela persoa, agrupación ou entidade que teña demostrado un gran compromiso coa construción de pontes culturais entre a Galiza e a Lusofonía, ocorrendo ademais na véspera do 25 de abril, co motivo da conmemoración da Revolución dos Caraveis.

A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado é unha entidade cunha longa traxectoria e naceu en Salvaterra de Miño (O Condado) da participación de sindicalistas, independentistas e activistas do movemento veciñal, aínda baixo o xugo do franquismo, no 1973.

Nestes máis de 50 anos de historia ten sido responsábel dun gran número de accións e iniciativas en prol do fortalecemento da lingua e cultura galegas e os seus vínculos coa cultura de alén do Miño. Entre elas a inesquecíbel actuación, o 30 de decembro do 1978, de Zeca Afonso, Vitórino e Fausto, o máis representativo da Música de intervenção portuguesa e vencellada ao 25 de abril.

A outra gran iniciativa desta asociación que amosa a súa aposta pola defensa da lingua e das relacións co mundo lusófono é o Festival da Poesía do Condado, xurdido no 1981 e concibido desde a súa orixe como encontro de convivencia entre poetas da Galiza, doutras nacionalidades lusófonas e doutras nacionalidades históricas coma Euskal Herria e Catalunya.

A gala aRi[t]mar perfila o podio da súa presente edición coas votacións das Mellores Poesías

Ás escollas por parte do público de De Ninghures e Os Quatro e Meia como gañadores dos premios musicais súmaselle agora este Premio Especial que recala na Sociedade Cultural e Desportiva do Condado. Os premios ás mellores poesías do ano anunciaranse na semana do 13 de maio. As votacións para escollelas estarán abertas na web de aRi[t]mar até ese mesmo día.

aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa lusofonía.